Bolo, Terra do
Comarca tradicional do extremo oriental da Comunidade Autónoma, que se estende ao S da de Valdeorras nun espazo repartido entre as comarcas administrativas de Valdeorras (concellos do Bolo e da Veiga) e Viana (concellos de Viana do Bolo, Vilariño de Conso, A Gudiña e A Mezquita). Correspóndese co territorio que historicamente constituíu o condado do Bolo, con sede en Viana. País de elevada alitude media (entre 700 m e 1.000 m), topograficamente se corresponde co corredor que separa as serras do Eixe e Segundeira, ao L, e a serra de Queixa, ao O, erguido sobre unha litoloxía dominada polos xistos e a lousa na que asoman pequenos afloramentos de ollo de sapo e o enorme batolito granítico da Veiga. O relevo, superficie antiga intensamente erosionada, amosa perfís suaves, tónica xeral só interrompida polas incisións fluviais. Os ríos que drenan esta terra pertencen á conca do Bibei, tributario á súa vez do Sil, destacando entre eles o propio Bibei e o Xares. A súa situación montañosa e periférica respecto dos centros rectores do país, supón unha eiva para o desenvolvemento das actividades económicas non primarias, e a permanencia destas nun grao de desenvolvemento feble. As repercusións económicas negativas que historicamente provocou a súa deficiente accesibilidade non puideron ser enmendadas tampouco coa tardía entrada en servizo da autovía das Rías Baixas, que percorre os límites meridionais deste espazo e ten un impacto sobre o seu dinamismo económico imperceptible debido á situación de deterioración xa dificilmente reversible: o proceso de descenso demográfico provocado por unha emigración ininterrompida dende principios do s XX, e o avellentamento que leva implícito é un grave atranco para o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais. Tan só a vila de Viana do Bolo, polo seu carácter de cabeceira comarcal, puido escapar desta dinámica tan negativa. O poboamento, debido aos condicionantes do medio físico, concéntrase en grandes núcleos de poboación, constituíndo este elemento un trazo diferenciador deste sector con respecto ao resto do territorio galego. Tamén nos sistemas de cultivo, predominantemente extensivos, se observan peculiaridades con respecto ao resto do país.