Boloña

Boloña

Capital da provincia de Boloña e da rexión de Emilia-Romaña, Italia. Situada entre os ríos Reno e Savena (417.410 h [estim 1998]). Trátase dun centro comercial dunha rexión agrícola fértil e ben explotada cun núcleo industrial moi desenvolvido, destacando a industria de automóbiles, de instrumentos de precisión e de zapatos. Ocupa unha situación estratéxica á saída dos Apeninos. Ten como centros de ensino superior a Università degli Studi, fundada no s XI, a primeira de toda Europa. Son características da cidade as torres inclinadas dos Asinelli e Garisenda (s XII), a basílica de San Petronio (s XIV-XVII), o pazo municipal e o pazo do Podestà (s XIII e XV). Hai que destacar tamén as igrexas monásticas de San Domenico (s XIII) e San Francesco (s XIII) e o conxunto arquitectónico de Santo Stefano (s XI-XIII). En Boloña existen indicios de poboamento desde a Idade de Ferro cos vilanovianos. Fundada polos etruscos, que a chamaron Felsina, foi rapidamente conquistada polos boios (350 a C), e permaneceu baixo o seu dominio ata o ano 189 a C, cando se converteu nunha colonia romana co nome de Bononia. Despois de pertencer ao exarcado de Ravenna, converteuse en cidade libre no s XII. No s XV caeu baixo o dominio dos Bentivoglio, situación que duraría ata o ano 1506, en que Xulio II a incorporou aos estados pontificios conservando, sen embargo, a autonomía da República. Entre 1506 e 1860, ano en que foi anexionada ao Piemonte, Boloña permaneceu unida aos dominios do Papa, agás na época da ocupación napoleónica (1797-1814), na que formou parte da República Cispadana.