2 bolsa
(
-
[ECON]
-
bolsa de mercadorías
lonxa.
-
bolsa de traballo
Entidade de carácter público ou privado onde conflúen as ofertas e demandas de traballo. A súa misión é facilitar, cobrando ou de balde, traballo aos que o soliciten. Poden ter servicios de orientación e de selección.
-
bolsa de valores
Espacio público onde se realizan operacións sobre valores mobiliarios (públicos ou privados) a prezos determinados polas leis da oferta e da demanda. A bolsa de valores é o instrumento do financiamento a longo prazo da actividade económica dentro do sistema capitalista, mediante as transaccións de valores de renda variable (accións), fixa (obrigacións) ou pública (entre eles os da débeda pública) e dos dereitos de subscrición destes valores. Nas operacións de compra e venda actúan como intermediarios os axentes de cambio e bolsa, que son os únicos que poden realizar directamente esta negociación. Recollen todas as ordes de venda e compra dadas por particulares ou institucións respecto a un mesmo valor e confróntanas para determinar o cambio ou cotización do valor e poder efectuar así o maior número de ordes de compra e venda. A cotización dos valores efectúase en cada sesión de bolsa e adoita expresarse en porcentaxe sobre o valor nominal do título. Negócianse diversos tipos de títulos: as accións, que son participacións no capital dunha empresa, dependendo o seu valor do resultado económico desta; as obrigacións, que representan créditos concedidos á empresa que as emite, sendo a retribución un xuro prefixado, e fondos públicos, que son títulos de vencemento e rendibilidade variable, xeralmente inferiores aos das empresas privadas, pero que, ao ser emitidos polo estado, contan coa súa garantía. As operacións do mercado de valores poden realizarse de dúas formas: ao contado, cando o desembolso e a súa liquidación se efectúan inmediatamente despois de terse contratado, e a prazo, cando a liquidación da compra-venda se realiza nun momento posterior predeterminado. A lexislación correspondente regula este tipo de operacións, debido ao seu carácter especulativo, co que é posible atenuar de forma indirecta as oscilacións bruscas que non teñen unha xustificación económica. As bolsas de valores teñen a dobre función de facilitar ás empresas un mercado específico ao que acudir para obter dispoñibilidades líquidas coas que financiar os seus investimentos en capital fixo, sen recorrer ao sistema bancario e, por outra banda, brindan a posibilidade aos posuídores de títulos de recuperar dispoñibilidades líquidas nun momento determinado, mediante a venda a terceiros, sen provocar a descapitalización das empresas emisoras. Aínda que as funcións da bolsa son semellantes en todo o mundo, existen diferencias organizativas segundo os países. Historicamente, o negocio bolsista ten as súas orixes no auxe do comercio na Idade Media que fixo necesaria a proliferación de anotacións e papeis comerciais. Xa a comezos do s XIV aparece a figura do “corredor de cambio”, sendo os primeiros coñecidos unha familia de banqueiros de Bruxas, os van der Bursen. No s XVI creáronse as primeiras bolsas en cidades que tiñan unha certa hexemonía financeira. En 1487 creouse a bolsa de Anveres e nos séculos seguintes fundáronse bolsas en Londres (1570), Lyon (1595), Nova York (1792), París (1794) e Madrid (1831), a primeira recoñecida oficialmente en España. As principais bolsas de valores do mundo son a de Nova York, Londres, París, Frankfurt, Milán, Zúric, Lisboa, Madrid, São Paulo, Hong Kong, Sidney e Toquio. As bolsas de valores, debido a unha primeira andaina que favorecía excesivamente a especulación, remataron en desastres bolsistas como o de outubro de 1929; sen embargo, grazas a unha lexislación cada vez máis vixiante, as crises máis recentes, como a de outubro de 1997, agosto de 1998 ou principios de 1999, que nalgúns casos supuxeron maiores perdas ca en 1929, non afectaron tanto aos mercados internacionais como a primeira de 1929. A evolución bolsista no mundo estivo influída pola recesión da economía dos estados industrializados (1991-1992), que afectou a todas as bolsas. Así mesmo, o proceso de unificación europea avanzou, no aspecto bolsista, mediante a aceptación, en 1991, do principio dunha cotización europea das 150 sociedades máis importantes, simultánea dos doce estados, na denominada eurolista. No ano 2000 a lista Euro Stoxx 50 contrataba en euros os valores de 50 empresas activas na Unión Europa. O proceso de concentración afecta, igualmente, as bolsas; así, no 2000 anunciouse a fusión dos mercados de Bruxelas, París e Amsterdam e, ás poucas semanas, fusionáronse os mercados de Nova York, São Paulo, Sidney, París, Hong Kong, México, Toronto e Toquio. En España, a Lei do Mercado de Valores do 28 de xullo de 1988, modificou substancialmente o sistema existente a través de cinco eixes: territorialmente, pola interconexión das catro bolsas (Madrid, Barcelona, fundada en 1915, Bilbao, fundada en 1881, e València, que pasou de bolsín a bolsa en 1981); tecnoloxicamente, pola aplicación da electrónica na operativa bolsista; institucionalmente, pola creación da Comisión Nacional do Mercado de Valores; operativamente, pola distinción entre operadores por conta propia e por conta allea; informativamente, pola creación dos mecanismos necesarios para a mellor protección do investidor.
-
s
f
Mercado organizado e abstracto, no que se reúnen profesionais, periodicamente, co fin de realizar compras e vendas de valores (públicos ou privados) ou produtos. Existen tres tipos que se dividen por causa das transaccións que se realizan nese mercado. A primeira delas é a bolsa de mercadorías na que se intercambian esencialmente produtos agrícolas, certos minerais, etc. Son bolsas deste tipo as lonxas tradicionais e os mercados internacionais de materias primas, como a de Chicago, onde se negocian os prezos do aceite de soia, o millo ou o trigo; Nova York, algodón, azucre ou café; ou Londres, ouro, prata, aluminio, cobre ou chumbo. Neste tipo de mercados as operacións baséanse nas expectativas sobre prezos, cantidades e épocas de entrega. As bolsas de valores son a base dos mercados de valores. Teñen un carácter máis amplo, posto que comprenden os mercados de emisión (de accións, obrigacións e valores públicos), as bolsas de valores propiamente ditas e os mercados de títulos non admitidos dentro da cotización oficial. As súas funcións son comúns en todo o mundo; sen embargo, a súa organización varía segundo os países. As bolsas de traballo son un caso límite onde a mercadoría é a forza de traballo. O antecedente máis remoto das bolsas podería estar próximo aos collegia mercatorum dos romanos, pero, como institución, a transacción de valores ten a súa orixe cara á fin do s XV, nas feiras medievais das cidades comerciais do Occidente europeo.
Ex: A crise de China provocou un alarmante descenso da bolsa.
Sinónimos: bulsa. -
subir/baixar a bolsa
Baixar ou subir os valores fiduciarios, especialmente os da débeda pública.
-
xogar á bolsa
Especular coa variación dos valores que se negocian.
-
bolsa de mercadorías
-
s
f
Edificio público, onde se realizan operacións comerciais de compra e venda de accións, valores financeiros, etc.
Ex: A bolsa de Madrid pechou a xornada con perdas
Sinónimos: bulsa.
Frases feitas
-
Apertar a bolsa. Economizar.