Borbén
Borbén
Río afluente do Tea pola dereita, na conca do Miño. Nace na parroquia de Borbén (concello de Pazos de Borbén), da confluencia de varios regos que baixan da divisoria de augas entre as concas do Lérez, ao N, e o Miño, ao S. O seu curso adopta unha dirección meridiana (N-S) encaixado nunha fractura que logo seguirá o Tea ata a súa desembocadura, tras capturar as súas augas. Ao deixar a parroquia de Borbén, penetra na de Padróns, do concello de Ponteareas, que drena e na que desemboca, no lugar do Chan das Gándaras.