Borges, Jorge Francisco Isidoro Luis
Poeta, narrador e ensaísta. En 1906 escribiu o seu primeiro relato La visera fatal, inspirado nun episodio do Quixote e un traballo sobre a mitoloxía grega, un ano máis tarde traduciu do inglés El príncipe feliz, de Oscar Wilde. En 1914 trasladouse a Europa e, despois de visitar Londres e París, instalouse en Xenebra e posteriormente en Lugano, onde estudiou o bacharelato. Dende 1919 e ata 1921 residiu en España, primeiro en Mallorca, logo Sevilla e finalmente en Madrid. Nestes anos comezou a publicar poemas e a colaborar na prensa e revistas (Grecia, Ultra, Cervantes, etc), participou no movemento literario altruísta e escribiu en 1919 o seu primeiro artigo na revista suíza La Feuille titulado “Chronique des lettres espagnoles”, reseñando dous traballos de Azorín e de Pío Baroja, e o seu primeiro poema titulado “Al mar”. En 1921 regresou a Bos Aires onde publicou un manifesto ultraísta na revista Nosotros e creou a revista Prisma. En 1922 fundou a revista Proa e un ano máis tarde apareceu o seu primeiro poemario Fervor de Buenos Aires. Seguiu a colaborar en diversas publicacións como Sur, Crítica, El Hogar, Anales de Buenos Aires ou Destiempo, entre outras. O seu mundo persoal desenvolveuse en ensaios entre eruditos e imaxinativos, como Inquisiciones (1925), Discusión (1932), Historia de la eternidad (1936), Otras inquisiciones (1952), ou en contos de xogo intelectual, sempre rico e elaborado como Historia universal de la infamia (1935), El jardín de los senderos que se bifurcan (1941), Ficiones (Gran Premio de honor da Sociedad Argentina de Escritores, 1944), El Aleph (1949), La muerte y la brújula (1951) e El informe de Brodie (1970), entre outros. A súa poesía, baixo unha aparente simplicidade, é moi rica e complexa e cun léxico moi preciso que emprega para mergullar no drama da existencia humana. Entre a súa produción poética destacan: Luna de enfrente (1925), Para las seis cuerdas (1967), El otro, el mismo (1969), El oro de los tigres (1972), La rosa profunda (1975), La cifra (1981) e Los conjurados (1985). Escribiu antoloxías en colaboración con Silvina Bullrich (El compadrito, 1945), con Delia Ingenieros (Antiguas literaturas germánicas, 1951), con Luisa Mercedes Levinson La hermana Eloísa (1955), con Margarita Guerrero Manual de zoología fantástica (1957), e xunto con Bioy Casares publicou Seis problemas para don Isidro Parodi (1942), Un modelo para la muerte (1946), Dos fantasías memorables (1946), Los orilleros (1955) e El paraíso de los creyentes (1955). Ao longo da súa traxectoria profesional compaxinou a súa faceta de escritor coa de conferenciante e docente (EE UU, Londres, Madrid, Berlín, Dinamarca, Tel Aviv, etc). Foi nomeado doutor honoris causa polas universidades de Santiago de Chile, Oxford, Columbia e La Sorbonne e membro da Academia Argentina de Letras (1962). Entre outras condecoracións recibiu o Premio Internacional de Literatura (1961), compartido con Samuel Beckett, a insignia de Commandeur de l’Ordre des Lettres et des Arts (1962), a Gran Cruz da Orde ao Mérito Bernardo O’Higgins (1976), e o Premio Miguel de Cervantes de Literatura, compartido co poeta Gerardo Diego (1980).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Bos Aires -
Deceso
Lugar : Xenebra