Borneo
Illa do arquipélago malaio (entre os océanos Índico e Pacifíco), a terceira do mundo pola súa superficie, despois das de Grenlandia e Nova Guinea (743.385 km2; 15.316.000 h [estim 1995]). Esténdese en latitude entre os 6° 58’ N e os 4° 9’ S, e en lonxitude dende os 108° 48’ L ata os 119° 14’ L. O seu territorio repártese entre tres estados: Indonesia (provincias de Borneo Central ou Kalimantan Tengah, Borneo Meridional ou Kalimantan Selatan, Borneo Occidental ou Kalimantan Barat, e Borneo Oriental ou Kalimantan Timur), Malaisia (estados de Sabah e Sarawak) e Brunei. Distínguense dous sectores: a parte central e setentrional, accidentada por montañas de altura media, que no cume Gunong Kinabalu chega a 4.101 m, e a franxa litoral, na que abundan os terreos pantanosos. O clima é ecuatorial, mantendo unha temperatura elevada de xeito uniforme ao longo do ano (a media anual é de 27,3°C, sendo a temperatura de xaneiro de 26,7°C e a de xullo 27,8°C) e un réxime de precipitacións tamén bastante uniformes (máis de 200 días de chuvia ao ano) e abundantes (por riba dos 3.000 mm anuais). As cordilleiras que atravesan a illa de SO a NL (Schwaner, Müller, Iran e Brassey) constitúen a divisoria de augas entre as vertentes do mar da China Meridional e as do mar de Xava e de Célebes, cunha liña de cumes situada a unha altitude media de 2.000 m. As máximas altitudes rexístranse no estremo N, no territorio malaio de Sabah. A vexetación está predominantemente formada polo bosque tropical. Os principais portos son: Pontianak, Bandjarmasin, Balikpapan e Tarakan, no sector indonesio; Kuching, en Sarawak; Sandakan, en Sabah, e Bandar Seri Begawan en Brunei. O interior está pouco poboado, e os seus habitantes son denominados daiak, tribos dominadas polos malaios; hai que distinguir, ademais, a existencia de grupos estranxeiros, principalmente chineses. As principais actividades económicas son a agricultura (cultivos de arroz, cocos, laranxas, bananas, tabaco e café), a explotación forestal (caucho e madeira de teca), a pesca e, sobre todo, a minería: extráese petróleo no sueste, carbón nas concas dos ríos Barito e Kapuas (no Kalimantan Tengah indonesio) e antimonio e mercurio en Sarawak (o NO malaio). Malia que hai refinerías de petróleo en Brunei e Balikpapan, en conxunto a illa atópase nun grao de desenvolvemento inferior ao do seu contorno, particularmente respecto a Indonesia. Habitada primeiro por negroides, do 2500 ao 1500 a C, sufriu as invasións de poboacions orixinarias do Yunan, portadoras de técnicas neolíticas, que habitan en casas rectangulares sostidas por pilastras, e cultivan arroz. A cultura dos megalitos comeza no 1500 a C e o seu final enlaza coa cultura do bronce, na que destaca a cultura de Dongson (1400 a C), que se caracteriza polas machadas de pico. A cultura da India penetrou na illa, e no 400 Borneo estaba completamente hinduizado. No s VII apareceu en Sumatra o imperio marítimo de ShrTvijaya, que dominou todas as costas de Borneo ata ser substituído polo Reino de Madjapahit (mediados do s XIV); a debilidade deste reino favoreceu a penetración do Islam (s XV) e o renacemento da piratería, causa do desenvolvemento de novos núcleos de comercio que co paso dos anos se converterían en pequenas cidades-estado. Os primeiros europeos que desembarcaron foron os portugueses, comandados por Antonio de Abreu (1511), que se estableceron na costa meridional. A mediados do s XVI os españois estableceron algunhas factorías na costa occidental. Os ss XVII e XVIII caracterizáronse pola loita entre a Compañía Holandesa das Indias Orientais e os ingleses co obxecto de conseguir controlar o comercio, sobre todo o da pementa. No 1891 asinouse en Londres un tratado coa finalidade de establecer os límites entre as posesións británicas e as holandesas. Non se produciron cambios ata o inicio da Segunda Guerra Mundial, cando a illa foi ocupada polos xaponeses no 1941, e quedaron nela ata 1945. En 1949 o Borneo neerlandés foi transferido aos Estados Unidos de Indonesia que, ao ano seguinte, se converteu en República de Indonesia. O Borneo Setentrional, Sabah e Sarawak, foron incluídos na nova nación de Malaisia (1963). Brunei permaneceu como sultanato autónomo baixo protectorado británico, e logrou a independencia en 1984.