Bornos

Bornos

Municipio da provincia de Cádiz, Andalucía, na comarca da Sierra de Cádiz (8.054 h [1996]). Está drenado polo Guadalete, que forma dentro do termo o encoro de Bornos, cunha superficie de 20 km2. A maior parte da poboación ocupada emprégase no sector primario, destacando a gandería, fundamentalmente bovina, e a agricultura cerealística. Así mesmo, teñen certa importancia as actividades relacionadas coa explotación turística dos recursos paisaxísticos serranos. No concello atópase a cidade iberorromana de Carissa Aurelia, que ostentou a categoría de municipium e posteriormente cives romani, abandonada tralas invasións bárbaras. Durante a ocupación islámica revitalizouse a actividade agrícola. En 1248 foi conquistada polos casteláns durante a toma de Sevilla. En 1398 asentáronse alí os adiantados maiores de Andalucía, o que repercutiu no grande esplendor da vila, que comezou a súa decadencia nos ss XVII e XVIII. Entre o seu patrimonio arquitectónico sobresaen o antigo alcázar e a igrexa parroquial (s XVI); ademais, hai restos arqueolóxicos do Paleolítico superior e da cultura tartésica.