boro

boro

(< borax)

  1. s m [QUÍM]

    Elemento non metálico pertencente ao grupo III A da táboa periódica, de número de oxidación 3 e que só se enlaza por covalencia do que se coñecen dous isótopos naturais estables de masa 10 e 11. Atópase en forma cristalina e amorfa. Foi descuberto por Gay-Lussac, Thénard e Davy en 1808, pero ata 1909 E. Weintraub non o obtivo en estado puro. Contribúe nun 0,001% na composición da codia terrestre, onde normalmente se atopa en forma de boratos. Os minerais máis importantes son tetraboratos de sodio hidratados: o decahidrato (bórax), o pentahidrato (tincalconita) e o tetrahidrato (rasorita ou kernita). A gran reactividade do boro a alta temperatura, xunto co seu alto punto de fusión, dificultan a súa obtención en estado puro. A pesar desta dificultade, o boro pode ser atopado no mercado cunha proporción dunha parte de impurezas por millón. Outra forma comercial do boro é o ferroboro, aliaxe con ferro que contén ata un 20% de boro que, ao ser engadido en cantidades inferiores ao 0,003% ao ferro coado, ao aceiro ou a outros metais, mellora o seu tempero e a súa dureza. A pesar da súa grande actividade en quente, o boro é moi inerte a temperatura normal, á que só reacciona co flúor. A temperaturas máis elevadas faino con moitos outros elementos non metais, como o cloro, o bromo, o osíxeno, o nitróxeno e o carbono. É o elemento do que se coñecen máis hidruros, á parte do carbono, pero non existe ningunha correspondencia estrutural entre os hidruros destes dous elementos. Por outra banda, as analoxías estruturais entre os enlaces boro-nitróxeno e carbono-carbono, isoelectrónicos, explican a existencia dunha serie de compostos boro-nitróxeno que son análogos directos de substancias orgánicas. O boro emprégase en técnicas nucleares, e como mellorador de combustibles en motores de reacción. Tamén se utilizan compostos de boro na fabricación de vidros de baixo coeficiente de dilatación e elevada resistencia química, chamados borosilicatados, en madeira para construción, en materias téxtiles, en dispositivos de arranque de motores, en aparellos termoeléctricos, etc. A falta de boro no solo produce diminucións do rendemento e da calidade na produción agrícola; os síntomas típicos son a formación irregular das follas e o acurtamento dos entrenós.

  2. hidruro de boro [QUÍM]

    Calquera composto formado por boro e hidróxeno. Corresponde á fórmula B n H n+4 (borano) ou B n H n+6 (dihidroborano).

  3. nitruro de boro [QUÍM]

    Cada unha das dúas formas sólidas de fórmula empírica BN que forma o boro co nitróxeno. Unha delas ten estrutura cristalina cúbica, comparable en todo á do diamante (borazón). A outra, moi semellante ao grafito, chámase simplemente nitruro de boro, aínda que tamén se lle dá o nome de grafito inorgánico e ten como célula elemental unha unidade hexagonal e unha estrutura macromolecular en capas.

  4. óxido de boro [QUÍM]

    Sólido semitransparente, de aspecto vítreo, higroscópico, preparado pola ignición do ácido bórico. Emprégase en metalurxia, en análise química, na fabricación de vidros resistentes ao lume, etc.

  5. tricloruro de boro [QUÍM]

    Líquido incoloro, obtido pola reacción do óxido bórico con pentacloruro de fósforo. Emprégase como catalizador en síntese orgánica e como materia prima para a obtención de moitos compostos de boro.

  6. trifluoruro de boro [QUÍM]

    Gas incoloro, soluble en solventes orgánicos. É o ácido de Lewis máis forte que se coñece, polo que ten un alto valor como catalizador en química orgánica.

Palabras veciñas

Borno | Bornos | Bornu | boro | boro- | 1 boroa | 2 boroa