Borrajo Domarco, Ramón

Borrajo Domarco, Ramón

Humorista e dramaturgo. Coñecido como Moncho Borrajo, despois de estudar o bacharelato en Vigo, trasladouse a València, onde se formou en arquitectura. Posteriormente abandonou esta titulación e marchou á Escuela San Carlos de València, para formarse como aparellador e en Belas Artes. Nestes anos tomou conciencia da súa identidade galega e participou en diversos actos públicos interpretando cancións en galego, castelán e valenciano. En 1970 gañou o premio de debuxo universitario do Colexio de Arquitectura e en 1972 obtivo o II Premio da Canción Universitaria. Ademais, foi seleccionado para o XIII e XIV Premio Internacional de Debuxo Joan Miró. A partir de aquí realizou exposicións por diversas galerías de España. En 1976 recibiu a medalla ao mérito artístico e pouco despois fundou a biblioteca e o grupo de baile galego do Centro Galego de València. A partir de 1985 dedicouse plenamente ao mundo do espectáculo.Como humorista destacou sempre pola súa enorme capacidade para a improvisación. Das súas obras destacan: Aguijón 79, Borrajo perdido, Moncho Gusto, Apuntes para un cabaret, En Concierto sentido del Humor, Aquí no hay crisis, Dihablemos, El Bufón del Rey, Loco, 30 años sin parar, Cosas Mías, Este y Yo e España Cabaret. Neste eido, recibiu o Premio Ciudad de Valladolid. Como autor, ademais das súas colaboracións na prensa como a serie “Cajón desastre” e “Anacos”, cómpre salientar: Moncho y yo, Moncho y tú, os debuxos de humor Pobres míos e Animaliños, Amo la ciudad, que recolle narracións curtas; o libro de contos Toño, as novelas Pavana para una difunta e Meu querido padre Ramón, os libros de frases Con amor y humor e 365 Ocurrencias para la Tolerancia e o libro poético Fixen camiños. Como dramaturgo estreou as obras Markitis, Terapia a las seis, Cariño Mañana qué hacemos? e La merienda. En 1991 volveu á pintura e foi finalista no Premio BMW (1997 e 1998) e na VI Mostra Unión Fenosa da Coruña. No eido cinematográfico foi actor de dobraxe dos filmes Mira quien habla e Mira quien habla también. Dende 2004 dirixe o seu propio teatro, un espazo escénico recuperado da capital madrileña, coñecido como Teatro Amaya. En 2008 retirouse dos escenarios coa obra Despedida y cierre.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Baños de Molgas