Borraxeiros, San Cristovo de
Borraxeiros, San Cristovo de
Igrexa parroquial situada en Agolada. Do primitivo templo románico, construído a finais do s XII e reconstruído en 1705, só resta unha porta situada na fachada principal e parte dos muros da nave. No interior, a nave presenta dous pares de columnas entregas con capiteis de follas, unha das bases está decorada con arquiños de ferradura e de medio punto. A portada conta cunha dobre arquivolta, decorada con bólas, que se sostén sobre catro columnas con capiteis vexetais con mazás. O tímpano decórase co relevo dunha cruz grega rodeada por un semicírculo de arquiños de ferradura.