Borrell II de Barcelona

Borrell II de Barcelona

Conde de Barcelona, Girona e Osona (947-992), e de Urgell (948-992) ao morrer sen fillos o seu tío Sunifredo II. Rexeu os tres primeiros condados co seu irmán Miró ata o seu falecemento (966). A súa política tendía a manter boas relacións cos dous grandes poderes do seu tempo: o carolinxio e o califal, co fin de neutralizar un co outro e chegar a ser cada vez máis independente. A boa relación con Córdoba, evidente xa dende o 950, facilitou os intercambios comerciais e o ascenso económico. Aproveitou a debilidade dos últimos monarcas carolinxios para independizarse do poder franco. Semella que por iso Almanzor decidiu atacar Catalunya (6 de xullo do 985). Este feito deu lugar a un intento de restablecer os lazos co reino franco cara á fin do 985 e durante o 986, cando Borrell II lle pediu axuda. En vista da ineficacia do auxilio franco, a independencia foi consumada, axudada polo cambio de dinastía en Francia. En marzo do 988 Borrell II intitulouse “pola graza de Deus duque ibérico e marqués”, e non se coñece máis precepto real franco para Catalunya posterior ao comezo do 986. O goberno de Borrell II desenvolveuse dentro do gran movemento cultural cluniacense e abriu a porta a unha forte influencia dos modos franceses, aínda que tamén prosperaba unha cultura propia, mestura de tradicións romanas e visigóticas, de correntes europeas e de influencias cordobesas, cultivada ao redor dalgúns mosteiros e catedrais, como Ripoll e Vic.

Cronología

  • Deceso

    Lugar : Urgell