Bosnia-Herzegovina

Bosnia-Herzegovina
Nome científico: [serbocroata: Bosna i Hercegovina]

Estado europeo da Península Balcánica, constituído polas rexións xeográficas de Bosnia e Herzegovina, e dividido en dúas entidades autónomas: a Federación Croato-Musulmana e a República Serbia de Bosnia-Herzegovina. Limita ao N, ao O e ao SO con Croacia, ao L e ao SL con Iugoslavia (51.129 km2; 3.675.000 h [estim 1998]). Esténdese entre os 45° e 42° de latitude N e os 15° e 20° de lonxitude L. A capital é Sarajevo.
Xeografía física
Relevo e xeoloxía
A maior parte do territorio é moi montañoso, con altitudes máximas ao redor dos 2.800 m. Os Alpes Dináricos atravesan o N do país. Topograficamente, presenta dúas vertentes: a mediterránea, labrada polo río Neretva, onde o terreo descende bruscamente cara ao Adriático, e a danubiana, que forma unha chaira aluvial na metade setentrional da República que coincide aproximadamente coa conca do Sava e os seus afluentes. Existe unha estreita franxa de costa, de 20 km de lonxitude, na desembocadura do Neretva. O SO resólvese en altiplanos de natureza cárstica.
Climatoloxía e hidrografía
O clima é mediterráneo no S (Herzegovina), mentres que Bosnia, ao N, ten un clima continental frío e chuvioso, con invernos moi rigorosos. A principal conca fluvial é a do Neretva, que nace no SL preto da antiga fronteira con Montenegro, na meseta de Dumoch Planina. O curso total do río ata a súa desembocadura no Mar Adriático é de 260 km.
Xeografía económica e economía

Economía
E unha das repúblicas máis empobrecidas da antiga Iugoslavia: a guerra e o bloqueo económico por parte de Serbia e Croacia, foron uns dos principais motivos desta situación. A subsistencia do país depende en gran medida da axuda externa, principalmente da UE. O comercio das dúas entidades que constitúen o estado cos países limítrofes retableceuse o 26 de febreiro de 1998. A inflación en 1997 era do 11,8%, cunhas taxas de desemprego elevadas (75%), sendo a súa renda per cápita de 1.086 $ USA (1997). A débeda externa alcanza os 815.000.000 $ USA. A moeda oficial é o dínar bosníaco, aínda que, debido á súa febleza, o marco alemán é a divisa circulante. A actividade económica resultou gravemente prexudicada pola guerra civil iniciada en 1992.
Recursos e sectores de actividade
País tradicionalmente agrícola, na banda do SO o solo presenta boas condicións para os cultivos, especialmente no val do Sava. O sector primario ocupa ao 11% da poboación activa. Cultívanse sobre todo cereais (trigo e millo), patacas, árbores froiteiras e vides. A superficie dedicada a pastos é considerable, posto que a gandería é o principal recurso económico (o 31% da superficie do país dedícase a pastos). Os principais armentíos, en canto á súa transcendencia económica son o ovino (276.000 cabezas [1997]), e o bovino (260.000 cabezas). As aves de curral, aínda que son moito máis numerosas (4 millóns de cabezas) non representan un volume maior de produción. O leite destínase sobre todo ao consumo inmediato: ao mercado chegan 202.000 toneladas de leite fronte ás só 14.000 toneladas de queixo. Bosnia-Herzegovina dispón tamén dunha importante riqueza forestal, pois os bosques ocupan preto do 48% do territorio, e a produción de madeira acada os 40.000 m3 anuais (1997). A pesca, debido a que posúe unha estreita faixa litoral na que non hai portos destacables, queda como unha actividade marxinal no conxunto da economía do país: as capturas redúcense a 2.600 toneladas (1996). O sector secundario ocupa o 48% dos traballadores. O subsolo, rico en minerais, está sometido a unha intensa actividade mineira, principalmente de carbón (Zenica), bauxita (Mostar), ferro (Ljubija), cobre e chumbo, que propiciou o establecemento dunha siderurxia de certa importancia. As ramas industriais máis relevantes son a metalúrxica, a mecánica, o cemento, a papeleira e a industria téxtil. O sector terciario xera o 41% dos empregos.
Transportes e comunicacións
As infraestruturas de comunicación resultaron moi afectadas pola guerra (1991-1995); a destrución de pontes e estradas foi algo común durante este período. Dispón dunha rede de estradas de 21.846 km (1996). Polo que atinxe ao ferrocarril, os treitos das liñas que circulan polo seu territorio suman 1.032 km dos cales 777 están electrificados. En canto á circulación aérea, os principais aeroportos son os de Sarajevo e Mostar.
Xeografía humana

Demografía e poboamento
A poboación ten unha densidade media de 71 h km2 en 1991. Na dinámica vexetativa inciden de xeito moi acusado as consecuencias do conflito bélico: a desestruturación social e os desequilibros maniféstanse nunha baixada da natalidade ata taxas do 7,9‰ (1996), unha elevación da taxas de mortalidade ata o 15,4‰ (a taxa xeral; 43,2‰ a infantil) e a diminución da esperanza de vida ao nacer ata os 51 anos para os homes e 61 anos para as mulleres. A poboación urbana non chega á metade (49% en 1995). As cidades principais son Sarajevo (360.000 h en 1997) e Banja Luka (143.000 h en 1991). Etnicamente, hai tres grandes grupos, identificados principalmente pola relixión: bosníacos (43,7%), de relixión musulmana, serbios (31,4%), de relixión ortodoxa, e croatas (18%), católicos. Os efectos da limpeza étnica produciron un balance negativo na poboación, entre os mortos e os refuxiados o número total de baixas ascendeu a 2.200.000 persoas. Malia que o Indicador do Desenvolvemento Humano non está dispoñible en Bosnia-Herzegovina, polo que non se ten publicado unha estimación global, son coñecidos os datos de analfabetismo, un 14,5% (1990) e o número de libros publicados, 1.008 títulos.
Goberno e administración
Bosnia-Herzegovina é unha República federal constitucional baixo a tutela do Alto Representante da ONU. Foi dividida en dúas entidades confederadas, a Federación Croata-Musulmana e a República Serbia, cada unha con parlamento e goberno propios, logo dos acordos de Dayton (14.12.1995). Na Federación Croata-Musulmana hai alternancia étnica no presidente e vicepresidente. O poder lexislativo corresponde ao Parlamento, composto de Cámara de Representantes (140 membros) e a Cámara Popular. Na República Serbia, a Presidencia está composta por 3 membros, representando as etnias (musulmáns, serbios e croatas), elixidos por sufraxio universal, rotando segundo a maioría de votos. O Parlamento é bicameral, a Cámara dos Representantes (42 deputados, 2/3 croatas-musulmáns, 1/3 serbios) e a Cámara do Pobo (5 delegados de cada etnia). Esta República está dividida en 100 distritos. Amnistía Internacional presentou varias denuncias segundo as que, entre 1995 e 1996, máis dun millón de refuxiados non puideron regresar ás súas casas polas constantes violacións dos dereitos humanos. Decenas de anos persoas estiveron encadeadas pola súa nacionalidade, a maioría sen cargos nin xuízos. Adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional dos Dereitos Civis e Políticos (PIDCP); Protocolo Facultativo do PIDCP; Pacto Internacional dos Dereitos Económicos Sociais e Culturais, asinado pero non ratificado; Convención Contra a Tortura, Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanas ou Degradantes; Convención Sobre o Estatuto dos Refuxiados; Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados; e Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Contra a Muller. Os partidos políticos máis importantes son: Coalición para unha Bosnia Unida e Democrática (CBUD) e Unión Democrática Croata da Bosnia-Herzegovina (UDC). A decisión internacional de transformar a cidade de Brcko en distrito conxestionado por ambas entidades confederadas, tomada en marzo de 1999, está a ser cuestionada pola República Serbia. Forma parte destes organismos internacionais: Banco Europeo para a Reconstrución e o Desenvolvemento (BERD), Organización para Seguridade e a Cooperación Europea (OSCE) e a ONU.
Historia
A rexión foi habitada dende o s IV a C polos ilirios. No s III Roma incluíuna na provincia da Iliria. Eslavizada dende o s VII polos serbios e croatas, formou parte do Imperio bizantino. Constituíuse en principado gobernado por un ban (1102-1120). No s X os búlgaros someteron o país á súa soberanía. No s XIV Estevo II Kotromanic conseguiu reafirmar a independencia ata o Adriático. Tvrtko I, proclamado tamén Rei de Serbia (1377), loitou contra a ameaza turca. O desenvolvemento dende o s XIII da herexía bogomila, provocou a intervención do monarca húngaro e dos croatas. As loitas internas entre señores locais debilitaron o país que foi facilmente ocupado por Mehmet II (1463), agás o N, en poder do Rei de Hungría, Mateo Corví. Foi rapidamente islamizado, en boa medida polos intereses dos grandes propietarios por conservar os seus privilexios. No s XVI xa estaban integrados no Islam, gozando dos postos de goberno, apoiados polos conquistadores turcos. Os Habsburgo aproveitaron a revolta de Zenta, no s XVIII, para apropiarse de Bosnia dende 1718 ata 1839. A independencia de Serbia, acadada por Karadjordje ao comezo do s XIX, incitou en Bosnia á rebelión dos campesiños contra os opresores turcos e os grandes propietarios. Despois de diversas revoltas (1852, 1857 e 1861), a de 1875-1876, duramente reprimida polos turcos, serviu de excusa a Rusia para intervir contra o decadente Imperio otomano (1877). Austria-Hungría, que se ofrecera de mediadora no conflito, obtivo a administración de Bosnia e da maior parte de Herzegovina no Congreso de Berlín (1878). No ano 1908 foi anexionada pola católica Austria, producindo un fondo resentimento. A Nova Bosnia, organización que loitaba contra o goberno austríaco, participou da radicalización do Nacionalismo, que conduciu ao atentado de Sarajevo, no que faleceu o arquiduque Francisco Fernando (1914) e contribuíu ao desencadeamento da Primeira Guerra Mundial. Polo Pacto de Corfú (1917), Bosnia-Herzegovina integrouse dentro do novo Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos, denominado Iugoslavia a partir de 1929. Na Segunda Guerra Mundial, o país foi desmembrado, incluíndose Bosnia e Herzegovina no Reino de Croacia (1941-1945). Dende 1945 converteuse nunha das seis repúblicas da República Popular Federativa de Iugoslavia. O peso desta república dentro da Federación, durante o mandato de Tito, resultaba claramente inferior ao de Serbia ou Croacia, e o desenvolvemento económico desta República foi inferior ao dos seus veciños. En 1990, o partido comunista deixou o poder en Iugoslavia e xurdiron un gran número de partidos políticos, que tentaban reflectir os intereses étnicos dos pobos que formaban a Federación. Nas eleccions celebradas en 1990 en Bosnia-Herzegovina, chegou ao poder unha coalición composta na súa maior parte por musulmáns, e cunha importante participación de serbios e croatas. Presidía o musulmán Alija Izetbegović. O líder da minoría serbia de Bosnia, Radovan Karadzic converteuse en presidente da autoproclamada República serbia de Bosnia-Herzegovina o 24 de outubro de 1991. O presidente Izetbegović, logo dun referendo no que a poboación serbia se abstivo masivamente, recibiu o respaldo da maioría dos croatas e musulmáns, e declarou a independencia de Iugoslavia, o 3 de marzo de 1992, que foi recoñecida de inmediato pola ONU e a comunidade internacional. Dende ese momento aumentaron as complicacións políticas no antigo territorio iugoslavo e comezou a Guerra Civil de Bosnia, que enfrontou as tres partes integrantes do conflito (serbios, bosnios e croatas) entre si. A guerra principiou cos ataques das milicias serbias que se espallaron polo territorio de Bosnia co obxectivo de realizar unha limpeza étnica dos territorios nos que predominaba a poboación serbia, ben a través da expulsións das áreas controladas polas forzas serbias dos croatas e musulmáns, ben pola eliminación directa. Neste sentido, xa na segunda metade de 1992, a comunidade internacional comezou a coñecer as matanzas masivas de campesiños musulmáns e os abusos sexuais cometidos contra mulleres musulmanas polos soldados e paramilitares serbo-bosnios, en nome da denominada limpeza étnica. Ante esta situación, o Consello de Seguridade da ONU aprobaba en xuño unha resolución pola que se creaban seis zonas de seguridade para a poboación musulmana: Bihac, Tuzla, Srebrenica, Zepa, Gorazde e Sarajevo, e decidiuse o envío de 25.000 cascos azuis; sen embargo, esta resolución tivo escasa efectividade, pois dentro das zonas de seguridade os ataques das forzas serbobosnias proseguían. Paralelamente, en maio de 1993, enfrontáronse croatas e musulmáns na Bosnia central, o que provocou que o 3 de xullo os croatas declarasen a súa soberanía en Herzeg-Bosna (o SO de Bosnia), que estaba baixo control das tropas do Consello de Defensa Croata. Este conflito resolveuse parcialmente en marzo de 1994, despois de asinar un acordo polo que os bosnios e os musulmáns creaban unha Federación para enfrontarse aos serbios e aliarse con Croacia. Esta Federación, asentada sobre o 58% da superficie total de Bosnia-Herzegovina (incluíndo o territorio reclamado aos serbios), estaba dividida en oito cantóns: catro baixo control musulmán, dous controlados polos croatas e os doutros dous baixo control conxunto e con poboación mixta. A Federación debía coexistir co goberno establecido por Bosnia-Herzegovina, presidido por Izetbegović, pero as disputas polo control e as tendencias expansionistas dos croatas levaron a unha situación de inestabilidade permanente. Dende xaneiro ata abril de 1995, a Federación croata-musulmana e os serbobosnios mantiveron un alto o fogo, que malia os esforzos non foi renovado. Este feito, unido a unha posible internacionalización do conflito ao comezar a guerra en Croacia e á invasión das áreas de seguridade de Srebenica e Zepa polas milicias serbias, motivaron a intervención da OTAN en agosto de 1995, que aproveitaron as forzas do goberno bosnio e as unidades bosniocroatas para ocupar o O de Bosnia. A intervención da OTAN resultou determinante e produciu as condicións para acceder a un principio de acordo. Así, o 8 de setembro dese ano asinouse en Xenebra un primeiro compromiso entre os ministros de Asuntos Exteriores de Iugoslavia, Croacia e Bosnia, ampliado en Nova York (26.9.1995) e definido nos Acordos de Dayton (21.11.1995), onde se reuniron as delegacións de Iugoslavia, Croacia e Bosnia-Herzegovina encabezadas respectivamente por Miloševic, Tudjman e Izetbegović. Este acordo, que recibiu o respaldo de 45 países da comunidade na Conferencia de Londres (8/9.12.1995) e foi ratificado en París o 14 de decembro de 1995 coa sinatura da paz, tiña como finalidade primordial garantir unha paz estable e duradeira en Bosnia e reconstruír o país no eido económico e político. Incluía entre as principais provisións a preservación da integridade territorial do estado e a división deste en dúas federacions, a República Serbia de Bosnia e a Federación de Bosnia-Herzegovina coa poboación croata-musulmana. As dúas entidades estarían dotadas dunha ampla autonomía, situándose a capital do estado en Sarajevo. Para asegurar a paz, unha forza da OTAN, denominada IFOR (Implementation Force), foi enviada a Bosnia en xaneiro de 1996. Como resultado da guerra morreron entre 100.000 e 250.000 persoas, na súa maior parte musulmáns, cifras ás que hai que engadir os máis de 2.000.000 de refuxiados. Nas eleccións nacionais libres, celebradas en setembro de 1996 seguindo as disposicions asinadas en Dayton, venceron os partidos nacionalistas que gobernaban durante a guerra nos distintos territorios do país. A contundente vitoria dos principais partidos demostrou a desaparición dunha oposición non nacionalista. Para ocupar os tres postos da Presidencia colectiva foron elixidos o musulmán Alija Izetbegović, o dirixente serbio Momcilo Krajisnik e o croata Kresimir Zubak. Izetbegović recibiu o maior número de votos e accedeu ao cargo de Presidente en primeiro lugar. No mes de outubro Izetbegović e Miloševic estableceron relacións diplomáticas plenas entre Serbia e Bosnia-Herzegovina, abrindo as fronteiras aos respectivos cidadáns. A OTAN creou unha forza de estabilización denominada SFOR, integrada por 31.000 membros para substituír á IFOR. De novo unhas eleccións, as municipais do 13 o 14 de setembro de 1997, mostraron con claridade a división étnica establecida no país despois da guerra, acadando os partidos nacionalistas a vitoria nos respectivos territorios. Debido a que os conflitos étnicos e políticos non se resolveran coa sinatura da paz, a comunidade internacional decidiu manter a presenza militar despois da data prevista (xuño de 1998), outorgando ao Alto Representante da ONU, Carlos Westendorp, novos poderes, que o transformaron, de feito, no gobernador dunha Bosnia-Herzegovina convertida en protectorado. A pesar da imposición de medidas institucionais e lexislativas (a constitución de consellos municipais e aprobación de leis de privatización e da propiedade inmobiliaria), xunto co establecemento dun estreito control nos medios de comunicación ou a aplicación de sancións financeiras contra algunhas das municipalidades máis opostas aos acordos, os resultados non foron os desexados. Nas eleccións xerais celebradas entre o 12 e o 13 de setembro de 1998 produciuse unha nova vitoria dos partidos nacionalistas na Federación Croata-Musulmana e na República Serbia, polo que a crise perduraba. Unha nova situación conflitiva xurdiu da decisión tomada o 5 de marzo de 1999 por Carlos Westendorp, Alto Representante da ONU en Bosnia, pola que destituía a Nikola Poplasen no goberno da República Serbia debido ás súas tensións con Milorad Dodik, e á conversión da cidade de Brčko nun distrito coxestionado polas dúas entidades confederadas, que provocou a oposición da coalición de Sloga. Os bombardeos da OTAN contra a República Federal Iugoslava durante as semanas seguintes, provocaron unha perda de peso político das forzas moderadas na República de Serbia e a reaparición de enfrontamentos entre as entidades constitutivas de Bosnia-Herzegovina.

Palabras veciñas

Bosio, François-Joseph | Bosna | Bosnia | Bosnia-Herzegovina | bosníaco -ca | bosón | bosónico -ca