Bosque del lobo, El
Película chamada orixinariamente El bosque de Ancines ou Lobishome, que se estreou en maio de 1971. O guionista J. Antonio Porto propúxolle ao director Pedro Olea a adaptación da novela de Carlos Martínez Barbeito, que fora finalista no Premio Nadal de 1944, obra pola que previamente se amosara interesado J. A. Bardem. Olea e Porto elaboraron o guión técnico. O relato literario está inspirado en feitos dos que foi protagonista Manuel Blanco Romasanta (Benito Freire na fición). No tempo do chamado “Nuevo cine español”, este filme pretendía afastarse da metáfora e do simbolismo, e mostar unha historia propia dunha sociedade subdesenvolvida, que quizais por estar situada no século XIX, non espertou a suspicacia da censura franquista. Benito, quincalleiro de oficio, facía ás veces de guía para as persoas que emigraban a outras terras. Cando atravesaba a fraga de Ancines sentía a imperiosa necesidade de asasinalas. De volta a Galicia traía cartas falsificadas nas que se falaba do ben que lles ía ás súas víctimas. Unha prenda que lle roubara a unha delas e que regala a unha prostituta, descobre os seus crimes e desencadea a caza do lobishome. Sintomaticamente, os guionistas prescindiron dos capítulos da novela que recollían o xuízo, e introducen tres flash-back con recordos da infancia de Freire, que sinalan os aparentes motivos da súa psicopatía: un coito animal, unha estampa relixiosa e a captura doutro lobishome. Freire é un marxinal. A cinta, que ía ser en branco e negro e con José Mª Prada á fronte do reparto, foi rodada finalmente en cor en terras de Celanova e protagonizada por José Luis López Vázquez, coñecido, sobre todo, polos seus papeis cómicos ou traxicómicos; Benito Freire consagrouno como un actor moito máis versátil. En Galicia, a película non foi ben acollida, pois non se entendeu axeitadamente a súa visión folclórica e a veracidade miserabilista. Finalizada a súa rodaxe no Nadal de 1969, obtivo o premio especial e o galardón ao mellor actor na XV Semana de Cine de Valladolid (1970).