Botello Barros, Anxo
Pintor e escultor. En 1926 trasladouse a Bordeos, onde iniciou estudios de Belas Artes baixo a tutela do artista François Maurice Roganeaux e comezou a expoñer. En 1935 obtivo a bolsa do Conde de Cartagena que lle permitiu continuar os seus estudios na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando en Madrid. En 1936 foi recrutado polo exército da República na Unidade de Cartografía e rematada a guerra fuxiu a Perpignan. Exiliado en América en 1940, estableceuse na República Dominicana. Nestes primeiros anos a súa obra recibiu a influencia do Postimpresionismo e do Fauvismo, sendo Cézanne unha continua referencia, pero foi o descubrimento do mundo antillano o que marcou definitivamente a súa linguaxe expresiva. As súas obras lembran a Gauguin tanto na cor como na temática (nus de mulleres nativas en paisaxes insulares). A súa linguaxe propia comezou a acadala en 1944 co descubrimento de Haiti. Deste país impactoulle sobre todo o sincretismo dos ancestrais rituais africanos do vodú. O resultado foron unha serie de imaxes plásticas afastadas da iconografía de Gauguin, caracterizadas por unha sistemática e rigorosa análise da cor e por unhas formas simples, case xeométricas. En 1953 trasladouse a Puerto Rico, onde abriu unha galería no Hotel Caribe Hilton de San Juan de Puerto Rico. Tras adoptar os seus fillos, o tema central da súas obras cambiou: escenas de nenos nas súas actividades cotiás, executadas cun dominio firme da liña cheas de grandes áreas de cor, brillantes pero suavizadas, sen perder a luminosidade, utilizando ao mesmo tempo abundantes texturas nas superficies. No campo da escultura, iniciouse baixo a supervisión de Lindsay Den. Realizou monumentais esculturas en bronce, esculturas de sintéticos trazos faciais e pureza volumétrica, onde o mundo da infancia constitúe o seu tema principal.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Cangas -
Deceso
Lugar : San Juan de Puerto Rico