Boto
-
[ONOM]
Apelido que ten a súa orixe nun antigo alcume aplicado a un individuo que se caracterizaba por ser un gran bebedor de viño ou por ser pequenote e regordecho. A mesma orixe ca este ten o apelido Botas e os diminutivos Botella e Botello. Todos estes apelidos remiten ao latín tardío butta ‘vasilla de coiro, pelello, bota’ ou ao seu diminutivo butticula. Nalgúns casos puido facer referencia a unha persoa que desempeñaba o oficio de peleteiro.
-
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe oriúnda de Portugal, que se estendeu por terras de Galicia e León. A rama galega leva escudo partido: na primeira partición, en campo de ouro, dúas cabezas de mouros con turbantes brancos, postas en pau e coroadas de sable; na segunda partición, en campo de sinople, dúas torres de ouro, colocadas tamén en pao.