Botón de Ancla
Filme producido polo vigués Cesáreo González a partir dun relato curto do capitán de corveta José Luis de Azcárraga baseado na vida cotiá dos cabaleiros gardamariñas da Escola Naval Militar de Marín. Adaptado por H. S. Valdés con diálogos de Adolfo Torrado -tándem habitual nas producións Suevia na década dos corenta- foi dirixida por Ramón Torrado. Carlos, José Luis e mais Enrique son tres alumnos da Escola Naval que forman o grupo Botón de Ancla. A película recolle as súas aventuras e distintos rituais da vida militar, mesturando a comedia máis clásica con notas de melodrama, a heroica morte de Enrique, morte física pero non espiritual, presente nas imaxes finais do desfile que celebra a entrega de despachos. A súa estrea en Madrid foi patrocinada polo ministerio de Mariña nunha sesión de gala. En Vigo serviu para a inauguración do Teatro Cine Fraga en marzo de 1948, obra do arquitecto Luis Gutiérrez Soto, e propiedade de Isaac Fraga. Acadou un grande éxito de público que tentaron repetir con posterioridade M. Lluch en Botón de ancla (1960), P. Lazaga con Los guardiamarinas (1966), e Torrado novamente con Los caballeros del botón de ancla (1973).