bou
(< cat bou < lat bolu ‘redada’ < gr βολος ‘lance’)
-
s
m
[PESCA]
Arte de pesca de arrastre cunhas dimensións variables (entre os 16 e 20 metros). Consta fundamentalmente de tres partes: as bandas, cunha relinga alta, que leva corchos, e unha relinga baixa, con chumbada; a manga de 5 ou 6 metros e o copo de 3 a 4. No principio das bandas dispón de dúas portas de madeira, reforzada con ferro, que levan na parte interior uns triángulos de barra de ferro, cunha inclinación variable que permite regular a abertura de boca da rede, e dos que parten os cables que van ao barco. A malla ten unha luz que vai diminuíndo conforme se achega ao copo; as dimensións da mesma varían segundo as normas pesqueiras do momento. No interior do copo van uns aros de ferro que regulan a súa anchura. É característica esencial desta arte a participación de dúas embarcacións. Unha lanza o aparello a barlovento e, acabada esta operación, achégase á outra que colle un dos calóns e inician o arrastre que ten unha duración variable. Logo desta faena, recollen a rede, realizando, normalmente, un lance cada un. Aínda que algúns autores opinan que é orixinaria da costa de Inglaterra, Antonio Sáñez Reguat no seu Dicionario histórico de las artes de la pesca nacional de 1792 sostén a orixe mediterránea do mesmo. Este autor ten noticia de textos manuscritos que poderían sinalar a súa procedencia francesa pero non lles concede valor probatorio e inclínase a pensar que esta técnica se desenvolveu, ao mesmo tempo, en distintas zonas do litoral francés, catalán e valenciano. Co bou captúrase todo tipo de peixe e mariscos de fondo: ollomol, pescada, luras, cigala, linguado, etc. O aparello traballa pola popa dos barcos a motor dende o momento mesmo da súa introdución en Galicia, xa que o seu excesivo peso fai imposible arrastralo a vela ou remo. Nun primeiro momento déuselle o nome de bou (ou parella) a un aparello en forma de saco e que, arrastrado por dous veleiros, practicaba unha pesca de arrastre. Este bou primixenio estaba amplamente estendido no litoral do Mediterráneo peninsular, especialmente en Catalunya e València. Foi un bou máis tradicional, o introducido en Galicia no século XVIII. Tiña unhas características similares á rede xávega, de feito, só as diferenciaba unha particularidade: coa xávega propiamente dita, as operacións de arrastre facíanse tirando do aparello cara á praia (empregando bois ou un grupo grande de homes); sen embargo, co bou do XVIII traballábase en arrastre a vela e remo, empregándoo en mar máis aberto. O bou que se coñece actualmente introduciuse no país durante o primeiro terzo do século XX: un aparello de portas arrastrado por un só vapor e que, debido ás súas semellanzas, aplicóuselle a mesma denominación ca o anterior arrastre. O primeiro aparello deste tipo introduciuse no porto da Coruña, en 1904, por iniciativa da empresa Molina y Márquez, inaugurando un proceso de rápida difusión. Desta maneira, comezaba en Galicia a pesca de altura, que, daquela, era na que se permanecía varios días fóra das augas xurisdicionais. Na etapa de adopción dos bous, a pesca de altura fíxose tecnicamente posible: barcos de grandes dimensións e sistemas de conxelación para a conservación do peixe. Nestes primeiros anos, a procedencia tanto de bous como dos seus barcos era estranxeira, de orixe fundamentalmente inglesa, aínda que tamén se importaban de Francia. A introdución dos aparellos do arrastre de altura, non se entendería sen vinculala ao conxunto de transformacións experimentadas no sector pesqueiro galego durante os primeiros anos do século XX véndose favorecida pola chegada de novas artes, como o cerco de xareta, e sistemas de tracción que crearon un estado de opinión, que contribuiría de xeito definitivo na súa rápida extensión. Pero a introdución do bou, como os demais aparellos de arrastre, non estivo exenta de conflitividade. É unha rede cuns niveis produtivos moi superiores aos dos aparellos tradicionais galegos (xeitos, volantas, etc); na mesma liña, os bous significaban un custo monetario imposible de asumir polo mariñeiro das artes tradicionais. Así foi como dende a súa chegada, e dun xeito paulatino, os bous e os novos arrastres fixeron desaparecer as redes tradicionais dos portos galegos. No período que precedeu á total asimilación do bou, os enfrontamentos e conflitos no sector pesqueiro entre arrastreiros e mariñeiros tradicionais foi constante. A maior competitividade dos novos aparellos rematou co conflito.
Ex: Andan á pesca da sardiña con bou.
-
s
m
[PESCA]
Embarcación que se dedica á pesca mediante este sistema.
Ex: Vou a Bueu en bou.
-
s
m
[BÉL]
Pequenas embarcacións, xeralmente pesqueiros que, en Galicia, durante a Guerra Civil española, se armaron de pequenos canóns e participaron en distintas accións bélicas e/ou de sabotaxe ao servizo do bando nacional.
-
bou de varas
[MAR]
Aparello da pesca de arrastre, tamén nomeado trambolín ou trampolín. Dunhas características físicas semellantes ás do bou, pero cunhas medidas máis reducidas. Está formado polas pernas ou alas, dunha lonxitude aproximada de 7 metros; o cope ou saco, coa entrada (boca) e fondo máis longos e cun estreitamento na parte central. As pernas de entrada do aparello mantéñense abertas mediante unha vara metálica, que posibilita unha maior e constante abertura da boca. O bou de varas trabállase con pequenas embarcacións a motor, e ás veces de remos. Lárgase pola popa e arrastra durante un tempo establecido. Ao rematar, métese a bordo e ábrese a xareta para recoller as capturas. As especies que pesca son, fundamentalmente, vieira, nécora, choco, peixe plano, etc.