Bouillier

Bouillier

Familia de prateiros que traballou en Santiago. Xoán Boullier (s XVIII), de orixe francesa instalouse en Santiago de Compostela na parroquia da Corticela. Coñécenselle poucas obras: unhas pedras para a esclavina do Santo Apóstolo e un anel para a mesma imaxe. O seu fillo, Xosé Boullier (Santiago de Compostela 1712 - Trascárcel 1792) traballou para a catedral compostelá. Realizou tres imaxes de Santiago en ouro e dúas urnas de prata para as reliquias de santa Amancia e santa Amalia (1779). A súa sona trascendeu fóra de Santiago e foi reclamado para facer a fábrica e estrutura da imaxe de san Pedro G. Telmo, en Tui. Foi tamén gravador. O seu irmán Manuel Boullier (s XVIII) continuou coa tradición familiar. Para a catedral de Santiago de Compostela realizou varias estatuas de Santiago de ouro, encargadas polo cabido para distintas personalidades (1788-1797). Traballou unicamente en Santiago, debido sobre todo a que estes traballos de ouro e pedrería eran moi custosos e só a catedral e os conventos podían sufragalos.