Bourges

Bourges

Capital do departamento de Cher, na rexión do Centro, Francia, situada na confluencia dos ríos Yèvre e Auron (75.609 h [1990]). Encrucillada de estradas e ferrocarrís, as súas principais funcións son as administrativas: é sé arcebispal e sede xudicial. Tamén é un importante núcleo industrial, destacado no sector do armamento e das construcións aeronáuticas. Capital dos cubios bitúrigos, que a chamaron Avaricum, baixo Augusto foi capital da Aquitania Prima. Durante a Idade Media foi gobernada por arcebispos que viron diminuída a súa autoridade polos vizcondes de Bourges e polos duques de Berry. En 1101 a cidade uniuse ao dominio real. Durante a Guerra dos Cen Anos converteuse en residencia de Carlos VII. Foi unha das cidades máis ricas do reino debido, sobre todo ás operacións comerciais e financeiras de Jacques Coeur (1418-1450). A catedral de Bourges (Saint Étienne, 1192-1324), de estilo gótico moi puro, ten cinco portadas aliñadas, a central con esculturas que representan o xuízo final, conserva no interior vidreiras dos ss XIII, XV e XVI. A mansión de Jacques Coeur (s XV) é unha mostra magnífica da arquitectura gótica civil francesa.