Bouza-Brey, Fermín
Poeta e polígrafo. Durante a súa etapa de estudante universitario implicouse nos movementos culturais e artísticos da época, conciliando desde o comezo a súa actividade como xurista e a súa vertente investigadora e artística. A súa formación viuse consolidada con dúas viaxes de estudios: en 1929 desprazouse á Bretaña, pensionado pola Universidade e pola Junta de Ampliación de Estudios, e en 1933 a Portugal, xunto con Florentino López Cuevillas, con quen mantivo unha intensa relación de amizade e colaboración, especialmente nos ámbitos da Prehistoria e a Arqueoloxía. As relacións entre Galicia e Portugal serán un referente importante nalgúns dos seus traballos que, en moitos casos viron a luz en publicacións lusas como Bracara Augusta ou Douro-litoral. No tocante ao seu labor xurídico, en 1929 foi nomeado xuíz de primeira instancia, pero a chegada da Guerra Civil ocasionoulle serios problemas profesionais que o apartaron do servicio. Tras ser rehabilitado no ano 1938, exerceu como profesor de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e, desde 1946, como maxistrado en distintas cidades, antes de ser definitivamente cesado da carreira xudicial e establecerse en Santiago de Compostela como avogado. No curso das súas investigacións tratou unha temática moi ampla, case sempre relacionada coa cultura galega, desde un enfoque interdisciplinar e cunha metodoloxía ecléctica, que combinou o comparativismo, o método histórico-cultural e o evolucionismo. Nos seus traballos, espallados por diversas publicacións da época (moitos deles aínda hoxe inéditos) achegouse á Prehistoria, á Arqueoloxía, á Historia, á Epigrafía, á Numismática, á Etnografía, á Arte e á Crítica literaria, entre outras disciplinas. Entre as revistas que acolleron os seus artigos pódense citar Nós, A Nosa Terra, Cuadernos de Estudios Gallegos ou o vespertino compostelán La Noche. No eido da Historia, dedicoulle unha especial atención ao Paleolítico, Megalítico, á cultura castrexa, á romanización e aos períodos xermano e suevo. Entre outros moitos estudios cómpre citar: “Bibliografía da Prehistoria Galega” (1927), “Prehistoria e folclore do Barbanza” (1927), “Os Oestrimnios, os Saefes e a Ofiolatría en Galicia” (1929) (estes dous últimos en colaboración con Cuevillas), “La civilización neo-eneolítica gallega” (1931), “Castros de la comarca de la Estrada” (1944) ou “Supervivencias antroponímicas, toponomásticas, antropológicas, jurídicas e folklóricas de la Galicia Sueva” (1968). Tamén destacan os seus estudios sobre a organización gremial da Galicia medieval e sobre a historia do xornalismo e da imprenta galegos. A Arte foi, así mesmo, centro da súa atención. Realizou traballos sobre o Prerrománico galego (“A igrexa prerrománica dos Nogales”, 1933), o Románico e Barroco ou a imaxinería compostelá (“Platería civil compostelana hasta finales del S. XIX”, 1957 ou “El Maestro Mateo en la tradición popular de Galicia”, 1959). Publicou diversos artigos sobre Heráldica, entre eles destaca “Escudos de Rianxo” (1933), con debuxos de Castelao. Estudiou a literatura popular galega con traballos como “Cancioneiro das ribeiras do Tea” (en colaboración co seu curmán Luís, 1929), “Cantigas populares da Arousa” (1931) “Analogías gallego-portuguesas en el cancionero popular” (1946), “As terras pontevedresas nas cantigas populares” (1930), “Gerineldo en Galicia” (1938) ou “Fortuna de las canciones de gesta y del héroe Roldán en el romancero compostelano y en la tradición gallega” (1965) e traballou sobre a biografía de Rosalía de Castro. Realizou tamén a edición de Cantares Gallegos (1963), coincidindo co centenario da publicación do libro. Interesouse polos Séculos Escuros e polos autores do XIX e XX (Añón, Alberte Camino, Aguirre, Pondal, Murguía, Noriega Varela e Crecente Vega, entre outros). A súa obra etnográfica, aparecida en diversas publicacións, foi reunida no volume Etnografía y folclore en Galicia (1982). Ademais recóllense outros artigos de temática variada (Etnolingüística, prácticas relixiosas e pararrelixiosas, folclore de animais, oficios, entroido, etc) entre os que destacan “Ritos agrarios propiciatorios del espíritu de la tierra en Galicia” (1953), “El lagarto en el folklore gallego-portugués” (1949), “Os cesteiros galegos de Mondariz e a súa fala gremial” (1954), “El santuario de la barca y su tradición marinera” (1942) ou “Teatro de Carnaval en Galicia” (1949). No que se refire ao ámbito literario, comezou desde moi cedo a tomar contacto cos ambientes galeguistas e a colaborar dun xeito continuado coa revista Nós, tanto con poemas como con estudios. En 1923 cofundou, xunto con Filgueira Valverde, Luís Tobío e Ramón Martínez López, entre outros, o Seminario de Estudos Galegos, que pretendía formar investigadores que se achegasen a un estudo científico da cultura galega e divulgar estas pesquisas mediante un importante esforzo editorial. Colaborou na sección de Historia, Etnografía e Folclore. Entre os anos 1933 e 1934 exerceu como secretario xeral desta institución. Co réxime ditatorial, este importante proxecto, como todos os que pulaban pola vida cultural galega, entre eles a revista Nós, quedaron interrompidos. No ano 1941 ingresou na Real Academia Galega co discurso “La mitología gallega del agua en el Noroeste hispánico” e participou, tres anos máis tarde, na creación do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, herdeiro do espírito do desaparecido Seminario de Estudos Galegos, proxecto ao que se sumarán Cuevillas, Otero Pedrayo e Risco. Dirixiu a sección de Arqueoloxía, que máis tarde mudaría en Arqueoloxía e Prehistoria. O seu primeiro poema, titulado “Romance dos vinte anos”, data de 1921. Xa no número 12 da revista Nós apareceu a composición “Pra facer un feitizo”, á que seguiron outras moitas colaboracións poéticas. Publicou tamén poemas noutras revistas literarias como Cristal, Galiza, Resol e Universitarias. Formou parte, segundo Carballo Calero, da chamada Xeración do Seminario pois, aínda que seguindo un criterio cronolóxico podería incluírse nos novecentistas (os nados arredor do 1900), o estreito vínculo deste autor co Seminario de Estudos Galegos fai necesaria a adscrición a esta unidade xeracional. Xeración de 1925 ou Xeración de 1922 son os nomes que lle dan outros críticos ao grupo de poetas formado por Manuel Antonio, Luís Amado Carballo, Luís Pimentel ou o propio Bouza-Brey. É de destacar, non obstante, a singularidade deste autor con respecto a algúns compañeiros xeracionais. Así, Bouza-Brey non se pode definir como un poeta vangardista e presenta unha liña estética máis clásica, menos rupturista que outros. É a súa unha poesía que busca a perfección formal. Caracterízase tamén por conxugar popularismo e clasicismo e prestar moita atención ás esixencias métricas. En 1933 publícase Nao Senlleira na Editorial Nós. Nese mesmo ano editábase tamén Cantiga nova que se chama Riveira e Poemas do si e non de Cunqueiro e Corazón ao vento de Aquilino Iglesia Alvariño. A obra é considerada pola crítica como poemario fundacional e emblema do neotrobadorismo do que Bouza é, xunto con Álvaro Cunqueiro, o máximo representante. Unha boa parte dos poemas que contén o libro foran xa aparecendo en Nós entre 1925 e 1932. Aínda que o neotrobadorismo é o eixe do libro, non pode definilo na súa totalidade, conformándose como unha obra heteroxénea na temática e na forma, xa que contén homenaxes funerarias, poemas circunstanciais, divertimentos líricos, elexías e poemas cívicos e patrióticos. No caso das composicións neotrobadorescas, ademais de acudir ao léxico medieval e usar recursos estilísticos propios da cantiga de amigo como o paralelismo, o leixaprén e o refrán, adaptou a tradición a un estilo persoal, cunha modernización dos temas e das imaxes. Prodúcese nesta obra un diálogo co legado poético medieval, que actúa como referente a partir do que o poeta consegue un estilo moi persoal que une a autoridade desta tradición coa herdanza popular que se transparenta por veces na métrica, no vocabulario, nos símbolos e imaxes ou na recreación de tipos, oficios ou costumes. A presenza de elementos tirados da Prehistoria, da Etnografía, da Arqueoloxía ou do imaxinario popular faise patente, talvez como consecuencia da súa polifacética actividade investigadora. Destacan como símbolos articuladores do poemario a nao, símbolo da navegación vital, e o mar. Xa despois da Guerra Civil, en 1955, publicou Seitura. A obra é editada en Braga e con ortografía portuguesa por expreso desexo do autor. Os poemas foron escritos entre o 1933 e o 1954, de tal xeito que conforman un libro antolóxico, como se pode desprender do propio título, o que explica que se trate dunha obra desigual, tanto na época de composición dos poemas como nas súas características temáticas e formais. Nesta obra o poeta deixa atrás a corrente neotrobadorista (agás nalgún poema), xusto nun momento en que esta estaba a ser bastante seguida. Nesta obra hai un tripla diálogo do autor consigo mesmo, coa historia da literatura e coa tradición lírica persoal, tendo como liñas temáticas fundamentais a infancia ou unha relixiosidade humanizada. Unha parte dos poemas non recollidos en libro apareceron publicados na súa Obra Literaria Completa, editada por Edicións do Cerne en 1980 e por Xerais no ano seguinte. No que se refire á prosa, a súa única achega é o relato breve Cabalgadas en Salnés, publicado no número 15 da colección Lar, en novembro de 1925, co subtítulo de “Lembranzas dun fidalgo”. Neste relato cóntase o rescate da moza do bandoleiro Xan Quinto mediante as lembranzas dun fidalgo. Tanto a estrutura, que é lineal, como os personaxes, están trazados de xeito moi sinxelo. No eido da creación teatral a súa traxectoria adquire unha indubidable significación se consideramos os seus estudios sobre as raíces populares do teatro galego, publicando diversos traballos entre os que hai que salientar o incluído na súa obra Etnografía y folclore en Galicia (1982), onde analiza a importancia da tradición entremesista na dramaturxia popular e publica o célebre Entremés de Bora. Nese labor de recuperación de documentos fundacionais da nosa literatura dramática, hai que destacar a transcrición e edición do Entremés famoso sobre da pesca no río Miño (1953), primeiro texto dramático conservado do que é autor Gabriel Feixóo de Araúxo, quen tería composto a peza arredor de 1671. Igualmente salientable é a súa participación no Cuadro Dramático da Universidade de Santiago de Compostela, creado en 1922 por Armando Cotarelo Valledor, onde participaría nos espectáculos Trebón (1922), Sinxebra (1923) e Lubicán (1924). Escribiu ademais unha peza teatral titulada Romance de don Galeor (inédita e non estreada), coa que se presentou a un concurso convocado pola Escola Dramática Galega en 1924. En 1992 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Ponteareas -
Deceso
Lugar : Santiago de Compostela