Bracarense, Convento

Bracarense, Convento
[HIST]

Subdivisión da provincia romana da Tarraconense ou Hispania Citerior. Esta circunscrición territorial e administrativa, creada polo Emperador Augusto, tiña por capital a cidade de Bracara Augusta (hoxe Braga), onde se centraliza a recadación fiscal, se executa a xestión económica e se administra xustiza. Non hai acordo entre os estudiosos con relación aos lindes territoriais do Conventus Bracarensis ou Bracaraugustanus, pero admítese que limitaría, ao N, co Lucense (describindo unha liña que partindo da ría de Vigo, ascendería lixeiramente ata Nogueira de Ramuín e logo seguiría, desde a confluencia do Miño e o Sil, bordeando as beiras do Sil ata o convento Asturicense), ao O, co Atlántico, ao S, co Douro e, ao L, separaríano do Convento Asturicense, as serras de San Mamede e da Queixa, xunto cunha liña un pouco esvaecida entre os ríos Túa e Sabor, afluentes do Douro. Ao remate do s III d C, coas reformas de Diocleciano, este convento quedou incluído na provincia de Gallaecia.