Braga
Capital do distrito homónimo, na rexión do Minho, Portugal (187 km2; 144.290 h [1991]). Está situada nunha chaira fluvial na beira do río Leste. Limita ao N cos concellos de Amares e Vila Verde, ao S con Guimarães e Vila Nova de Famalicão, ao L con Póvoa de Lanhoso e Guimarães e ao O con Barcelos e Vila Nova de Famalicão.
Xeografía
O territorio está dominado polos montes do Bom Jesus, Sameiro e Falperra, que o atravesan en sentido L-O. A cidade está situada a unha altitude de 82 m. Ademais do río Leste, o río Cávado atravesa a formación montañosa oriental. A realidade socioeconómica do concello de Braga caracterízase por un crecemento equilibrado, baseado no sector terciario e na industria, que lle outorgan altos niveis de calidade de vida. O seu carácter de centro de mercado dunha área esencialmente agrícola e as actividades relacionadas coa administración son a base económica do concello.
Historia
A presenza humana remóntase ao período megalítico cando se desenvolveu a cultura castrexa, característica do pobo brácaro. Contra o 200 a C comezou a presenza romana que se afirmou coa fundación de Bracara Augusta. Foi capital do Conventus Bracarense. A partir do s V sufriu as invasións dos suevos e visigodos. No 715 comezou a presenza musulmana. Foi reconquistada no 1040 por Fernando I. Cara ao 1070 o primeiro bispo de Braga, don Pedro, reorganizou a diocese. A cidade desenvolveuse ao redor da Sé, dentro do recinto fortificado. Foi residencia real entre 1093 e 1147. Durante o s XVI a cidade viviu de costas á expansión portuguesa. Non obstante , o arcebispo Diogo de Sousa, ao iniciar o s XVI, transformou de novo a cidade, iniciando a construción de edificios de pedra e prescindindo do barro e da terra. Co dominio do poder relixioso sobre o civil, a urbe empezou a ser coñecida como a cidade dos arcebispos. Dende mediados do s XVI e os primeiras décadas do s XVII, o fervor relixioso encheu a cidade como así o amosan o gran número de mosteiros, conventos e igrexas que se conservan. A recuperación económica xurdiu á beira deste fervor relixioso e, así, asentáronse na cidade artesáns e artistas. No s XVIII traballaron na cidade os arquitectos André Soares (1720 - 1769), de estilo barroco, e Carlos Amarante (1742 - 1815), introdutor do Neoclasicismo. En 1780 a cidade deixou de pertencer aos arcebispos. No s XIX, despois da invasión francesa e das loitas liberais, os emigrados portugueses ao Brasil, os chamados “brasileiros”, transformaron as infraestruturas da cidade. Abríronse novas rúas e naceron novos barrios. O tradicional centro da Sé deu paso ao Jardim Público, hoxe Avenida Central. A expansión comercial derivou no 1863 na fundación da Associação Comercial. Durante o s XX a cidade continuou crecendo e despois da revolución de 1974 converteuse na terceira cidade do país.
Patrimonio
Braga conserva vestixios da antiga Bracara Augusta. A igrexa de São Fructuoso do s VIII é unha mostra da arte visigoda. A Sé, románica do s XII e con reformas posteriores, alberga no seu interior a tumba do conde Enrique de Borgoña, pai do primeiro Rei de Portugal, Afonso I. Coñecida como a cidade dos arcebispos, alberga un gran número de monumentos relixiosos como a igrexa da Misericórdia, a de São João de Souto (1512) e o convento de São Filipe Neri do s XVII. Cómpre destacar o Jardim de Santa Bárbara e dentro das últimas construcións, o Mercado Municipal de Carandá e o Palácio de Exposições e Desportos. Nos arredores da cidade está o Santuário do Bom Jesus do Monte ao que se accede por unha grande escaleira e que acolle gran número de peregrinos o domingo de Pentescostés. Destaca tamén o Santuário de Nossa Senhora do Sameiro.