Bragança

Bragança

Capital do distrito homónimo, na rexión de, Portugal, na beira do río Sabor, a 12 km da fronteira española coa comarca da Sanabria, o seu concello está integrado por 49 freguesías, 47 rurais e 2 no núcleo urbano da capital (16.600 h [1991]).
Xeografía
Situada ao pé das estribacións setentrionais da Serra de Nogueira, sobre un contexto litolóxico dominada polos xistos, nun dos distritos menos desenvolvidos de Portugal, do que é o principal núcleo urbano dunha rexión eminentemente agraria e as súas principais funcións económicas son as comerciais e administrativas.
Historia
Bragança foi a cidade prerromana de Brigantia, que se converteu en época romana en Juliobriga. Coas invasións bárbaras e musulmanas a primitiva vila desapareceu e non foi restaurada ata o 1130. En 1187 Sancho I concedeulle foro. En 1467 o Rei Afonso V concedeulle o título de cidade a petición do segundo duque de Bragança, Fernando I (1403-1478). A importancia histórica da cidade iniciouse coa chegada ao trono de Portugal da casa de Bragança. Aínda se conserva o seu castelo, construído en 1187. As posesións da casa de Bragança pertencen ao estado portugués e forman parte da Fundação Bragança, que ten a súa sede na residencia da familia en Vila Viçiosa, un edificio do s XVI. Entre os ss XV e XIX converteuse nun importante centro industrial.
Patrimonio cultural
A cidade está dotada dun sistema defensivo cunhas murallas ben conservadas onde sobresae a Torre da Princesa. A cidadela vella alberga no seu interior edificios importantes entre os que sobresaen a Torre de Menagem do s XV, que acolle o Museu Militar; a Domus Municipalis, edificio románico (1130); a Casa d’Água, única construción do Románico civil do s XV da Península Ibérica; o Pelourinho e a igrexa de Santa María, de orixe románica e restaurada no s XVIII. A catedral ten fachada renacentista pero anuncia xa o Barroco. No antigo Paço Episcopal, construción do s XVII, está situado o Museu Regional Abade de Baçal. No norte do concello está o Parque Natural de Montesinho, unha das maiores áreas protexidas do país.