Brais Pinto
Grupo de intelectuais, artistas e escritores galegos creado en Madrid no ano 1958. Estaba formado por Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Reimundo Patiño, Xosé Fernández Ferreiro, Xosé Alexandre Cribeiro, Bautista Álvarez, Ramón Lorenzo, Ben-Cho-Shey, Herminio Barreiro e César Arias. Reuníanse en cafés, tabernas ou no Centro Galego de Madrid. O nome foi proposto por Xosé Fernández Ferreiro, quen inventou a historia dun afiador chamado Brais Pinto, procedente de Nogueira de Ramuín que, tras percorrer todos os continentes, xa vello, decidiu instalarse na súa aldea, pero foi atropelado por un tranvía en Madrid, sen poder realizar o seu proxecto. O pulo inicial do grupo xurdiu dunha preocupación común por Galicia e polos seus problemas, aprazados pola ditadura franquista; en concreto, o atraso que observaban na pintura e na literatura, que discorrían á marxe das novas tendencias, e a inexistencia dunha actividade política nacionalista e democrática. Interesados polas propostas da actualidade artística, moitos deles, influídos por un certo radicalismo anarquista e polo Existencialismo do movemento beatnik norteamericano, tentaron actualizar a cultura galega nunha liña de vangarda e reconstruír o partido nacionalista. Deste xeito, o grupo desenvolveu un amplo labor cultural, que comprendeu distintas iniciativas como a creación dun selo editorial propio, inaugurado coa publicación dun volume de poemas de Otero Pedrayo titulado Bocarribeira (1958). Participaron no movemento plástico A Gadaña, de carácter vangardista e informal, que pretendía ser unha resposta á arte oficialista do momento.