Bramante, Donato d’Angelo Lazzari

Bramante, Donato d’Angelo Lazzari

Arquitecto e pintor italiano. Está considerado como o iniciador do Renacemento romano. Aprendeu no obradoiro de frei Bartolommeo de Urbino, quen o iniciou na pintura. A súa primeira obra foi a decoración da igrexa de Santa Maria della Bella. En Urbino, iniciouse tamén na arquitectura, sendo seus o pazo de Torriglione e as igrexas de San Bernardino e da Nosa Señora del Piratello, en Imola. Trasladouse a Milán en 1472, onde coñeceu a Leonardo da Vinci, quen influíu nas súas ideas arquitectónicas. En Milán realizou a igrexa de Santa Maria presso San Satiro, na que reflecte un novo xogo de perspectivas, e Santa Maria delle Grazie; outras obras súas en Milán son a Casa dos Cóengos ou a tumba de Ludovico il Moro, ademais de participar na elaboración dos planos da catedral de Pavia xunto con Francesco di Giorgio e de Amadei. Da súa pintura lombarda quedan poucos testemuños: Homes de armas e filósofos e Cristo na columna. En 1499 chegou a Roma, onde se adicou intensamente ao estudo das obras antigas e se centrou nos aspectos estruturais, considerando que os problemas arquitectónicos debían ser resoltos dende a composición e non só dende a técnica construtiva. En Roma construíu, entre outras, a igrexa de Santa Maria della Pace, na que buscou o equilibrio espacial, e o templete de San Pietro in Montorio, que representa o canon da beleza arquitectónica renacentista. Contou coa protección do Papa Xulio II, que o considerou como o xenio capaz de realizar o seu grandioso proxecto: unha nova igrexa de San Pedro, que foi modificada posteriormente por Michelangelo. Entre 1506 e 1514 traballou na construción da cúpula, que levantou sobre unha planta concentrada (cruz grega). Gracias á súa actividade creadora o centro da arquitectura renacentista pasou de Florencia a Milán e despois a Roma.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Monte Asdruvaldo, preto de Urbino

  • Deceso

    Lugar : Roma