Brandenburgo
Rexión do N de Alemaña. Tradicionalmente comprendía a Altmark (Marca Vella), a Mittelmark (Marca Mediana) e a Neumark (Marca Nova); ademais estaban unidas a estas tres marcas as pequenas rexións de Uckermark, Prignitz e Ruppin, e os bispados secularizados de Brandenburgo, Havelberg e Levus. Na división provincial prusiana de 1815, Altmark integrouse na provincia de Saxonia, e as outras, xunto coa Baixa Lusacia, constituíron a provincia de Brandenburgo. Os territorios desta última, despois da anexión de Neumark a Polonia en 1845, constituíron unha land da República Democrática Alemana en 1949, ata que en xullo de 1952 foi abolido o sistema federal. A Mittelmark corresponde aproximadamente aos actuais bezirke de Postdam e Frankfurt do Oder. No ano 1990, unha vez reunificados os dous estados alemáns, creouse a land de Brandenburgo. Estivo habitada primitivamente polos semmons e despois foi invadida por diversas tribos eslavas que foron conquistadas por Carlomagno e posteriormente, no s X, por Enrique I o Falcoeiro. Baixo os seus sucesores iniciouse a evanxelización dos eslavos, moitos deles permaneceron pagáns e independentes ata que foron vencidos por Alberte o Oso que, despois de recibir o Emperador Lotario a Marca do Norte en 1134 e de ser elixido por Pribizla herdeiro de Brandenburgo, recibiu o título de margrave e comezou a expansión cara ao leste, contemporánea coa colonización e xermanización do territorio, labor que foi continuado polos seus sucesores, os ascanios. A Marca de Brandenburgo foi dividida en 1220 cando se formou a rama dos margraves de Brandenburgo-Stendal-Tangermünde e a dos margraves de Brandenburgo-Stargard-Salzwedel. Esta desapareceu no ano 1317 e a herdanza pasou á de Stendal. Stargard pasara en 1300 a Mea Rlenburg. A rama de Stendal desapareceu en 1320. A partir dese momento Brandenburgo pasou por varias mans; en 1323 formou parte da casa de Baviera, que elevou o margraviato a electorado do Sacro Imperio pola Bula de Ouro en 1356; en 1373 da de Luxemburgo, o seu derradeiro margrave, o Emperador Segimon entregouna en 1415 a Federico de Hohenzollern, burgrave de Nuremberg coa dignidade de príncipe elector do Sacro Imperio (1417). Baixo o poder dos Hohenzollern, que durou ata 1918, Brandenburgo converteuse nun estado poderoso que se estendeu territorialmente coa anexión do ducado de Kleve (1614) e o de Prusia (1618). En tempos de Federico Guillerme, o Gran Elector (1640-1688), Brandenburgo acadou a máxima importancia: creou un exército disciplinado e unha administración eficiente, aplicou os principios mercantilistas, acolleu os refuxiados hugonotes expulsados de Francia e incorporou novos territorios pola Paz de Westfalia de 1648. En 1701 Federico II, fillo do Gran Elector, recibiu o título de Rei de Prusia por parte do Emperador Leopoldo. A partir dese momento a historia de Brandenburgo mestúrase coa de Prusia. Brandenburgo foi un núcleo fundamental deste estado, posición alterada soamente no aspecto económico pola anexión e posterior desenvolvemento de Renania e Westfalia tralas guerras napoleónicas. Durante o s XVIII continuou a colonización estranxeira, principalmente colonos neerlandeses.