Brandt, Willy

Brandt, Willy

Político e xornalista alemán. O seu nome de nacemento era Karl-Herbert Frahm. Militou nas mocidades socialistas e, cando Hitler accedeu á Chancelería en 1933, foi perseguido e desposuído da nacionalidade alemana. Exiliouse en Noruega, onde se naturalizou co nome de Willy Brandt. Colaborou na organización das Brigadas Internacionais que interviñeron en España durante a Guerra Civil (1936-1939). Durante a Segunda Guerra Mundial refuxiouse en Suecia. En 1945, trala caída do nazismo, retornou a Alemaña, retomando o contacto co Sozialdemokratische Partei Deutschlands (SPD) en 1947. Recuperou a súa nacionalidade orixinaria en 1948. De 1949 a 1957 foi delegado por Berlín para o Bundestag, de 1955 a 1966 foi membro do Parlamento da cidade de Berlín e, en 1957, burgomestre (alcalde) de Berlín. Era alcalde de Berlín (1957-1966) cando se construíu o muro (13.8.1961). Ese acontecemento foi determinante na modificación da súa estratexia política, que procurou un profundo cambio nas relacións internacionais de Alemaña. Malia a súa derrota como candidato do SPD á chancelería alemá fronte a Konrad Adenauer, en 1964 foi elixido presidente do SPD. En 1965 perdeu de novo as eleccións fronte a Ludwig Erhad; sen embargo, formou parte do goberno de coalición entre socialdemócratas e democristiáns como vicechanceler e ministro de Asuntos Exteriores. En 1969 foi elixido chanceler, iniciando unha política de aproximación aos países do Leste, que se plasmou na sinatura dun tratado de non-agresión e cooperación económica coa Unión Soviética en agosto de 1970 e coa normalización das relacións con Polonia en decembro de 1970. A política de aproximación aos países do Leste, denominada Ostpolitik, supuxo o comezo dunha nova fase da Guerra Fría. En recoñecemento ao seu labor recibiu o Premio Nobel da Paz en 1971. Con respecto aos países de Europa occidental, foi un decidido promotor da unión económica e monetaria europea e, ademais, impulsou diversas reformas sociais. Cando se descubriu que o seu secretario era, en realidade, un espía de Alemaña Oriental, dimitiu como chanceler en 1974, aínda que continuou presidindo o SPD ata 1987, ano en que pasou a ocupar a presidencia de honra. En 1976 accedeu á presidencia da Internacional Socialista e, en 1979, foi elixido para o Parlamento Europeo. Entre 1977 e 1989 presidiu a Comisión Norte-Sur, que elaborou os informes Brandt. En 1990 demandou o cumprimento das resolucións da ONU sobre o Golfo e intentou, de xeito frustrado, evitar a guerra. Publicou, entre outras obras, A alternativa socialdemócrata (1977) e Erinnerungen (Memorias, 1989).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Lübeck, Sclesvig

  • Deceso

    Lugar : Holstein

  • Deceso

    Lugar : Westfalia