Brañas Menéndez, Alfredo
Xurista, avogado, economista, escritor e político rexionalista. Formouse en Santiago de Compostela con Melchor Salvá Ormaechea, Benito Núñez Forcelledo e Luis Zamora Carrete, doutorándose en Madrid o 25 de maio de 1885 cunha tese titulada Reglas equitativas para trazar la línea divisoria entre ambas potestades, o sea entre los derechos y los intereses de la Iglesia y del Estado. Foi catedrático de Dereito Natural en Oviedo e de Economía Política e Facenda Pública na Universidade de Santiago de Compostela, feito que lle levou a publicar o primeiro Programa de Hacienda Pública (1888). En 1887 publicou dúas obras xurídicas: Fundamentos del derecho de propiedad e El principio fundamental del derecho: lecciones elementales de historia de la filosofía del derecho. Nesta obra definiu a súa filosofía do dereito, considerado como un poder inviolable de esixir doutro algo conforme á lei natural e como o poder moral abstracto que convén levar ao termo dunha relación entre dous seres libres, segundo sexa o carácter ou a especie desta relación. Así, o dereito é un poder moral derivado dunha relación moral que serve de regra social. En 1889, no relatorio Exposición de la ciudad de Santiago de Galicia a las cortes del reino, defendeu a presenza das facultades de Dereito e Veterinaria na Universidade de Santiago de Compostela, polo que o ministro de Fomento lle abriu un expediente sancionador. Tamén en 1889, publicou Curso de hacienda pública general y española e El regionalismo: estudo sociológico, histórico y literario. Esta obra, fundamental para comprender o seu pensamento ideolóxico e político e básica na articulación do galeguismo decimonónico, significou o comezo da súa actividade política rexionalista. Está estruturada en tres partes: “La teoría regionalista”, que consta de sete capítulos, “Proceso histórico del regionalismo”, de tres capítulos, e “El regionalismo gallego”, de seis capítulos. Así mesmo, é o resultado da fusión nun único texto de artigos anteriores con reflexións novas. O esquema de El Regionalismo é o dunha demanda ou sentencia, onde se asenta a teoría (fundamentos racionais), o proceso histórico (fundamentos fácticos) e, por último, o triunfo do rexionalismo en Galicia (sentencia). Segue un enfoque historicista, utilizado xa en El principio fundamental del derecho, para estudar o rexionalismo primeiro no mundo, logo en España e, finalmente, a súa evolución e perspectivas en Galicia. A partir de 1889, concentrou as súas enerxías na organización dun gran movemento político-cultural de celme tradicionalista e conservador, aínda que non partidista, dirixido a promover a defensa dos intereses políticos de Galicia en España e a recuperar a identidade política galega. Esta actividade política, levouno a fundar a Asociación Regionalista Gallega xunto con Manuel Murguía, que representaba a á liberal, Aureliano Pereira, do sector federalista, Xoán Barcia Caballero, Salvador Cabeza de León e outros persoeiros da época. En representación desa Asociación foi concelleiro de Santiago de Compostela dende xaneiro de 1890 ata abril de 1891. Outras manifestacións políticas durante eses anos foron o seu primeiro discurso pronunciado en galego o 9 de marzo de 1890 no transcurso dunha festa homenaxe que lle ofreceu a prensa rexional en Santiago de Compostela, que tivo gran significación; o discurso pronunciado en Carballo en 1890, no que defendeu “A causa do rexionalismo”; e a súa participación nos Xogos Florais de Tui (1891), onde actou de mantedor e falou do concepto de patria. Así mesmo, na prensa realizaba por eses anos un intenso labor propagandístico, principiado en 1875 como colaborador de El Porvenir e El Libredón, e intensificado entre 1888 e 1892, cando colaborou nos xornais Galicia Humorística, El País Gallego, Galicia, Gaceta de Galicia e La Patria Gallega, onde publicou artigos fundamentais na configuración do pensamento rexionalista como “Mis aspiraciones” (1888), “Memoria acerca de las pequeñas industrias que conviene establecer en la provincia de Pontevedra, que por el corto capital de sus produtos puedan desarrollarse con facilidad” (1889), “Discurso no banquete rexionalista de Santiago” (10.3.1890), “El regionalismo gallego” (30.3.1891), “El concepto de patria: discurso en el banquete regionalista de Tui” (30.7.1891) ou “Declaraciones francas a los regionalistas de Pontevedra” (1892). Coa lectura da conferencia La crisis económica en la época presente y la descentralización regional, no acto de apertura de curso da Universidade de Santiago de Compostela o primeiro de outubro de 1892, Brañas avanzou na elaboración do seu pensamento rexionalista. Días máis tarde, viaxou a Catalunya para estudar o rexionalismo catalán e coñecer persoalmente os xuristas e políticos rexionalistas. Os seus contactos, intervencións e declaracións en Barcelona provocaron diversas controversias, tanto nos medios de comunicación como nas Cortes españolas, onde o defendeu Juan Vázquez de Mella. Foi por esa época cando redactou en Vilagarcía de Arousa as Bases generales del regionalismo, que permaneceron inéditas ata 1983. En 1893 incoáronlle un expediente administrativo por defender a continuidade da Capitanía Xeral da Coruña fronte a un proxecto de lei que propuña o seu traslado a León. Paralelamente, continuou a súa colaboración en xornais de todo o territorio español escribindo numerosos artigos, entre os que cómpre destacar “El regionalismo en Galicia” (2.5.1893), “El regionalismo y la unidad nacional” (6.5.1893), “El regionalismo no es el carlismo” (12.9.1893), “El regionalismo en el norte de Europa” (1893), “Projecte de autonomia colonial” (30.01.1895) ou “Lo regionalisme i la questió económica” (18.6.1895). O seu labor como economista continuou en 1894 coa publicación de Programa de economía política, Historia económica e a conferencia Necesidad de la organización gremial. En 1896 redactou os estatutos do Círculo Católico de Obreros de Santiago de Compostela. En 1897 publicou, entre outros, os seguintes artigos: “Costumbres”, “El regionalismo, los catalanes y la cuestión de Creta”, “Pequeñas industrias derivadas de la agricultura y ganadería” ou “De la actual condición de las clases trabajadoras y de los medios más convenientes para mejorarla”, “El verdadero concepto de salario”, “Las obras del ferrocarril”. Así mesmo, o 3 de marzo de 1897 pronunciou un discurso no Ateneo León XIII de Santiago de Compostela no que defendía as propostas da Igrexa católica sobre as cuestións sociais manifestadas na encíclica Rerum novarum (1891). En 1898 agravóuselle a tuberculose pulmonar, que o volveu irritable e hipocondríaco. Ese mesmo ano, foi denunciado polo ministro de Fomento Práxedes Mateo Sagasta perante o fiscal do Tribunal Supremo polo artigo “Laboremus”, publicado en El Correo Español o 21 de novembro do 1898; ademais, publicou, entre outros artigos, “Las diputaciones” (10.10.1898), “Organización del regionalismo” (30.11.1898), “La deuda de Cuba” (30.11.1898) e “Organización administrativa de Galicia” (30.11.1898). En 1899 pronunciou un discurso no Círculo Católico de Obreros de Ferrol, publicou novos artigos como “La cuestión social” (8.2.1899) ou “Al pueblo gallego: manifiesto de la Liga Gallega de Santiago de Compostela” (24.6.1899) e participou na homenaxe a Rosalía de Castro, no transcurso do cal pronunciou un discurso. O último acto público de Brañas foi no Congreso Católico de Burgos, onde pronunciou o discurso “Peligros que amenazan a la sociedad en el siglo XX si se aparta del Cristianismo”, que indiciu fortes polémicas nos medios de comunicación nacionais. A antevéspera da súa morte (19.2.1900) aparecía en El Eco de Santiago o seu último traballo titulado “Las azucareras en Galicia”. Alén da súa actividade política e ensaística, dedicouse á creación literaria, escribindo os poemarios Borradores de versos (1881), asinado co pseudónimo A. B. María, La eternidad (1881) e Valero entre los estudiantes (1885); o drama en verso La voz de la sangre y la voz de la patria: drama de actualidad en verso (1897); El sueño de un loco (1898) e os poemas soltos “Lamento” (1880), “Oda a don Pedro Calderón de la Barca”, obra inédita escrita en 1880, “O avellón” (1884), “Coma en Irlanda”, publicado por Uxío Carré Aldao en La literatura gallega en el siglo XIX (1903), e “Érguete e anda”, publicado tamén por Uxío Carré Aldao en Literatura gallega (1911). Tamén escribiu Casta dos celtas: himno galego, musicado polo médico e compositor Luís Taibo García. Foi enterrado no cemiterio da confraría da Nosa Señora do Rosario e, en 1905, os seus restos foron trasladados á igrexa contigua de San Domingos de Bonaval, onde foi inhumado preto de Rosalía de Castro nun sepulcro custeado por subscrición popular. En 1999 a Fundación Alfredo Brañas comezou a edición das súas obras completas.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Carballo -
Deceso
Lugar : Santiago de Compostela