Braque, Georges

Braque, Georges

Pintor, gravador e escultor. Formouse no Havre e na École de Beaux Arts de París, a onde se trasladou en 1900. Foi discípulo de Raoul Dufy e de Othon Friesz. En 1906 expuxo por vez primeira no Salón des Indépendants; a pintura que realizaba entón estaba relacionada coa dos fauves con quen expuxo no ano 1907. No mesmo ano coñeceu a Picasso e iniciou o movemento cubista. Os seus primeiros cadros cubistas son de 1908 en L’Estaque. Mantívose nesta tendencia ata a Primeira Guerra Mundial e introduciu importantes innovacións, como os papiers collés e a imitación do mármore e a madeira. Despois negouse a adscribirse ao Cubismo. A súa vocación era a dun clasicista, que o conduciu máis tarde a unha estrita preocupación polos valores plásticos, especialmente os táctiles, e pola composición. As súas características principais foron a mesura e a claridade. Ao comezo da Segunda Guerra Mundial traballou a escultura en pedra. Fixo gran número de litografías e augafortes e ilustrou, entre outros, libros de Reverdy e a Teogonía de Hesíodo. En 1952 realizou un plafón para a sala das antigüidades etruscas do Musée du Louvre. A súa obra, decisiva para a arte contemporánea, foi distinguida co gran premio de pintura da Biennale de Venecia de 1948. En 1961 converteuse no primeiro artista vivo en ter obra exposta no Louvre.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Argenteuil, Île

  • Deceso

    Lugar : France

  • Deceso

    Lugar : París