Boletín Oficial del Centro Gallego

Boletín Oficial del Centro Gallego

Publicación aparecida en Bos Aires en xaneiro de 1913, que cesou en xuño de 1926, cando chegaba ao número 163. Trátase da primeira publicación oficial do Centro Galego da capital arxentina. En 1918 cambiou o seu nome polo de Centro Gallego de Buenos Aires. Boletín oficial e, en novembro de 1923, Centro Gallego de Buenos Aires. Boletín mensual. Tiña periodicidade mensual. Foi dirixido por Juan Manuel Pérez, José Blanco Amor, Eduardo Blanco Amor, Valentín Fernández e Luís Seoane, en diferentes etapas. Incluía información variada acerca do propio Centro Galego. Nas páxinas de creación literaria en castelán incluíronse artigos de homenaxe a Leiras Pulpeiro, Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Teodosio Vesteiro Torres ou Manuel Murguía; necrolóxicas, como a de Añón; poesía de Rey Soto, García Ferreiro, Rosalía de Castro ou Curros Enríquez; e textos literarios de Juan Neira Cancela, Barcia Caballero e Aurelio Ribalta, entre outros. Nas seccións dedicadas á lingua galega e tituladas “Letras de Galicia”, “Nuestros bardos”, “Literatura regional”, “Del Parnaso gallego” e “Escritores gallegos”, introducíanse contos de Enrique Labarta Pose, Amador Montenegro e Rodríguez Elías, entre outros. Xunto a estes, poemas de Miguéns Parrado, Curros Enríquez, Rosalía de Castro, Lamas Carvajal, Ramón Cabanillas, Alberto Camino, Eduardo Pondal, Benito Losada e Nicomedes Pastor Díaz, entre outros moitos. Na sección “Musa popular gallega” aparecían rexistrados poemas e cantos da literatura popular galega, e noutras páxinas da revista textos dramáticos en castelán e galego de autores como Rogelio Rodríguez Díaz.