Braunschweig
Cidade do land da Baixa Saxonia, Alemaña, á beira do río Oker (248.944 h [1998]). Situada na rexión de Börde, fértil distrito agrícola, a cidade, de planta irregular, está dividida en cinco partes. É un núcleo de industria mecánica, con fábricas de automóbiles (Mercedes), de compoñentes ferroviarios e óptica. É sede dun centro de ensino superior, a Technische Universität Carolo Wilhelmina, creada en 1745. Fundada arredor do ano 860 por Bruno (Brunonis vicus), fillo de Ludolfo, duque de Saxonia, non recibiu a carta de cidade ata o s XII. Converteuse moi cedo nunha das primeiras cidades que entraron a formar parte da Liga Hanseática (1247), e no s XV tivo o seu apoxeo. Despois perdeu importancia, sobre todo a partir da Guerra dos Trinta Anos. Cidade de aspecto medieval, a Segunda Guerra Mundial destruíu parte dos seus monumentos, entre eles a catedral románica (1173-1194). Salientan as igrexas de San Martiño e Santa Caterina, as dúas comezadas en estilo románico no s XII e rematadas no gótico no s XIV; e as góticas de Santo Andrés e dos Irmáns (ss XIV e XV). A Lonxa é un edificio renacentista de 1591. O Herzog-Anton-Ulrich-Museum acolle unha colección de obras da escola holandesa.