Bravú
Publicación en galego aparecida en 1997 en Vigo, promovida por Edicións Xerais de Galicia. A súa periodicidade é irregular. Dirixida por Xosé Manuel Pereiro, vén sendo o voceiro do denominado movemento bravú. Trátase dunha coprodución da propia editorial cun grupo de escritores, músicos e artistas relacionados co mundo da cultura galega. No seu primeiro número abordan a proposta para a creación dunha selección galega de fútbol. Acompaña a revista un CD onde se recollen temas de músicos e grupos de diferentes tendencias como Manu Chao, Mercedes Peón, Os Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira e Koros i Dansas. Entre as súas seccións destacan: “Arroutadas”, “Selección Xa!”, “Tribus”, “Toques”, “Sonche Contos”, “É o que hai” e “Feira”. Conta coas colaboracións de Manuel Rivas, Xaime Calviño, Xurxo Souto, Santiago Jaureguízar, Fran Alonso e Manuel Seixas, entre outros. Destacan entre algúns dos seus artigos: “Manifesto do Tractor bravú” de M. Rivas, “O Morrazo. Terra Brava” de Pilar Piñeiro e “O timo da enciclopedia Bravú” de A. Lodeiro.