Brazzaville

Brazzaville

Capital da República do Congo (973.579 h [1992]). Situada na beira dereita do río Congo, sobre o lago Stanley-Pool, esténdese sobre unha serie de terrazas graduais. A cidade medrou polo aluvión de inmigrantes das áreas rurais do país, e para acoller este fluxo humano na súa periferia xurdiron unha serie de novas localidades (Poto-oto, Bacongo e Moukondji-Ngouaka). A súa principal función, dado o seu carácter capitalino, é a administrativa. Tamén é un centro comercial e industrial, condición favorecida tanto polo volume demográfico como polo seu importante porto fluvial sobre o río Congo, navegable augas arriba. Unha liña de ferrocarril une a cidade con Pointe-Noire, o seu porto no litoral atlántico. As principais ramas industriais son a alimentaria, a téxtil, a do coiro, a madeireira, a dos materiais de construción e os talleres ferroviarios. Hai estaleiros de construción de buques para a navegación fluvial. É sede da Université Marien-Ngouabi, fundada en 1961. Foi fundada no 1880 como simple factoría polo explorador francés de orixe italiana Pierre Savorgnan de Brazza sobre a poboación anterior de Ntamo. Dende 1898 foi a capital da África Ecuatorial Francesa. En 1940 a sublevación preparada polo doutor Sicé, converteu a cidade en capital da Francia libre do xeneral De Gaulle. En 1958 converteuse na capital da República Autónoma do Congo, e o 15 de agosto de 1960, na capital da República Popular do Congo (Congo-Brazzaville).