Brea López, María Mercedes

Brea López, María Mercedes

Doutora en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi catedrática de Filoloxía Románica da Universidade de Granada dende 1984 a 1986; neste último ano obtivo a mesma cátedra na Universidade de Santiago de Compostela, centro no que desempeña o seu labor docente e investigador, e do que foi directora do Servicio de Publicacións (1984-1990). Coordinou, ademais, a revista Verba, Anuario Galego de Filoloxía (1978-1987), foi membro do seu consello de redacción e dirixiu a Revista Galega do Ensino. No eido da lingüística destacan os seus traballos sobre a formación de palabras como a monografía Antónimos latinos y españoles. El prefijo IN (1980) e os centrados especificamente na lingua galega: “Formación y características del gallego”, “La partícula gallego-portuguesa ar/er”, “Aproximación ao estudo das palabras compostas”, etc. Destacable neste ámbito é a súa contribución ao Lexikon der Romanistischen Linguistik (vol II, 1994) con dous estudios sobre o galego desde unha perspectiva diacrónica: “Galegisch: Externe Sprachgeschichte” (Evolución lingüística externa) e “Galegisch: Grammatikographie und Lexikographie” (Gramaticografía e Lexicografía). As súas investigacións, centradas fundamentalmente na literatura medieval, reflíctense na edición en dous volumes da Lírica profana galego-portuguesa, corpus completo das cantigas medievais con estudo biográfico, análise retórica e bibliografía específica (1996); un estudo sobre Martin Codax, Mendinho e Johan de Cangas (1998) ou a monografía A cantiga de amigo, en colaboración con Pilar Lorenzo Gradín (1998). Colaboradora en revistas nacionais e estranxeiras, e participante en congresos internacionais, afonda nas súas investigacións no eido da literatura trobadoresca tanto galega como provenzal. Ademais publicou os traballos: “Álvaro Cunqueiro en ABC en 1939”, “Reminiscencias literarias no xornalismo cunqueiriano” ou “As aves na poesía galega de Rosalía”.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : A Estrada