Bread and Puppet Theatre

Bread and Puppet Theatre
[ESPECT]

Grupo fundado en 1961 en Nova York por Peter Schumann. Desde os seus inicios o grupo adoptou unha posición fondamente crítica fronte a unha sociedade dominada pola guerra, o consumismo e a perda de identidade. Os seus espectáculos, realizados en rúas e parques, construíanse a partir de grandes monecos que lembraban a iconografía relixiosa, coa capacidade suxestiva das imaxes que estes provocaban e coa renuncia á narratividade. Entre as súas propostas, sempre provocadoras e heterodoxas, hai que sinalar A Man Says Goodbye to his Mother (Un home di adeus a súa nai, 1968), The Cry of the People for Meat (O berro da xente pola carne, 1969) ou The Domestic Resurrection Circus (O circo da resurreción doméstica, 1970). A principios da década dos setenta o grupo disolveuse inda que parte dos seus integrantes volveron reunirse para realizar funcións ou propostas concretas como a Anti-Bicentennial (1975), espectáculo presentado na Universidade de California que constituíu unha homenaxe ao derradeiro indio americano vivo en todo o estado e unha denuncia do xenocidio e da xenofobia da raza branca. En 1995 presentaron unha singular proposta escénica titulada Mr. Budhoo’s Letter of Resignation from the IMF (Carta de resignación de Mr. Budhoo dende o IMF), na que mostraban cómo moitas das propostas de intervención dos anos sesenta, quer a nivel temático quer a nivel estético, conservan toda a súa validez nos noventa.