Breixo, san

Breixo, san

Mártir portugués. O seu culto remóntase ao s IX; tivo diversos mosteiros na Galicia medieval, como o de San Breixo das Donas, en terras da Ulla e Deza, e San Breixo de Arcos de Furcos. O san Breixo de Barro, de moita sona no Salnés, Morrazo e Vigo, é avogoso da reuma; o de Palas de Rei do gando vacún, en especial da produción de leite; o de Foxáns (Touro), malia ser avogoso da reuma da xente, tamén protexe as vacas porque a súa auga é moi milagreira para o ubre. De feito, a forza deste santo disque se transmite pola auga da fonte (vanse lavar na fonte do santo e o pano con que se enxugan déixano nunha silveira para que con el quede a enfermidade), polo aire do libro (os devotos axeónllanse diante do altar e póñenlle o misal aberto pola páxina da última misa dita) e polo contacto co santo (póñenllelo nos ombreiros e na cabeza). Na iconografía represéntase cunha vestimenta antiga en manto rubio e palma de martirio; en Foxáns aparece decapitado cunha espada no pescozo e barbado, e en Barro como un mozo imberbe. A súa celebración litúrxica ten lugar o 1 de outubro, non obstante en Barro, concello do que é patrón, celébrano o primeiro domingo dese mes. Tamén é titular de 17 parroquias. Na tradición oral recóllense cantigas que dan mostra da devoción popular por este santo: “Hei de ir á romería / este ano hei de ir a unha / hei de ir ao santo San Breixo / que está no fondo da Ulla. A Palas vou, de Palas veño, de me bendicir san Breixo a xuvenquiña que teño”, “Louvado san Breixe, / vou munxir a marela / adepárame bo leite”, etc.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Lisboa