Bremen
Cidade de Alemaña, capital do länder homónimo (546.968 h [1998]). Está situada preto do río Weser; este río, dragado a 10 m, converteu a cidade nun centro mercantil de produtos de ultramar. Este feito motivou que as industrias de elaboración se desenvolvesen na zona, en especial, as de tabaco, chocolate e café. Está localizada nunha rexión baixa e pouco fértil e a súa actividade económica complétase coa industria cervexeira, química, tecidos (la e estampados), industria do coiro e refinerías de petróleo. As primeiras noticias de Bremen datan do s VIII, cando Carlomagno a converteu en sede dun bispado. Cando a cidade de Hamburgo foi destruída polos viquingos (845), Bremen substituíuna como centro de evanxelización dos países nórdicos. Baixo o goberno dos príncipes-arcebispos, a cidade medrou e converteuse nun importante centro comercial. Na fin do s XIII independizouse do dominio eclesiástico e a burguesía gobernou a cidade, que se adheriu á liga hanseática e foi un dos centros mais activos. No 1522 uniuse á Reforma Protestante. Durante a Guerra dos Trinta Anos pasou a Suecia e permaneceu baixo o seu dominio ata finais de 1719, ano no que pasou a Hannover. No 1741 Bremen recobrou os seus dereitos e tamén o rango de cidade imperial que obtivera no 1646. Conquistada en 1806 polas tropas napoleónicas, converteuse na capital do departamento francés de Bouches-du-Wesser, ata a fin do 1813. Polo Congreso de Viena recuperou a independencia. Durante o s XIX o comercio marítimo de Bremen desenvolveuse, favorecido pola fundación do espigón de Bremerhaven, e converteuse no principal centro de emigración europea e do comercio de ultramar. No 1871 pasou a formar parte do Imperio Alemán. Durante a Segunda Guerra Mundial a cidade sufriu moitos bombardeos e, logo do conflito, constituíuse nun enclave portuario da zona americana de ocupación. Formou parte da República Federal Alemana. O corazón da cidade antiga é a Marktplatz (‘praza do mercado’), núcleo arquitectónico formado pola casa consistorial (Rathaus) de estilo gótico e renacentista (1409); a catedral, románica, cunha primeira etapa de construción (1044-1101) que continuou nos ss XIII e XIV; a igrexa de Santa María (ss XII-XV) e a casa da corporación dos negociantes (1537-1594). Outras construcións salientables son as igrexas de San Martiño (ss XIII-XV), a de San Xoán (s XIV) e a Corporación dos Menestrais (s XVII). A Kunsthalle acolle pintura da escola alemá dos ss XVI ao XX.