Brest

Brest

Cidade da Bretaña, no departamento de Finistère, Francia, situada á beira da rada de Brest (153.099 h [1990]). Atópase baixo un dominio climático húmido, recollendo unha precipitación anual media superior aos 1.300 mm. Porto, base militar e arsenal, é un importante centro redistribuidor para o comercio marítimo e núcleo industrial, destacando os sectores eléctrico, de maquinaria, químico, alimentario e téxtil. Tamén é centro de ensino superior, sede da Université de Bretagne Occidentale e do Centro Oceanográfico de Bretaña. Desde 1239 pasou a formar parte do Ducado de Bretaña; do 1342 ao 1397 pasou a ser posesión inglesa, data na que retornou a Bretaña. No 1491 foi integrada na monarquía francesa. Brest, aínda así, non adquiriu relevancia ata que Richelieu iniciou en 1631 a construción do porto e a fortificación da cidade, que converterían Brest nunha importante base naval. Ocupada polos alemáns en 1940, converteuse no cuartel xeral da flota de submarinos que exerceron o bloqueo de Gran Bretaña durante a Segunda Guerra Mundial. Por esta causa foi un dos principais obxectivos dos bombardeos da aviación aliada, ata que foi liberada en setembro de 1944. Berce do nacionalismo bretón, foi sede en 1974 de conversas entre forzas políticas de diferentes nacionalidades europeas -entre elas a Unión do Povo Galego (UPG)- que asinaron o manifesto programático coñecido como Carta de Brest.