Bretaña, materia de

Bretaña, materia de
[LIT]

Nome polo que se coñecen un conxunto de narracións aparecidas en francés a partir da segunda metade do s XII, primeiro en verso e logo en prosa, que están ambientadas na corte do Rei Artur. Jean Bodel d’Arras difundiu esta denominación (entendendo por Bretaña tanto a continental como a insular) para distinguir este conxunto de obras das adaptacións vulgares de temas clásicos e das cancións de xesta. Nun sentido amplo, pódense aplicar as denominacións de ciclo artúrico ou literatura artúrica, aínda que non sexan estritamente equivalentes, pois, como demostran por exemplo as historias sobre Tristán e Iseo, moitos dos personaxes e motivos que configuran o universo artúrico lle eran orixinariamente alleos. Non é de estrañar, xa que logo, que durante a Idade Media estas narracións se denominasen a miúdo “de ambiente bretón”, pois o que as caracterizaba non era tanto a presenza dun personaxe concreto, como o contexto en que se desenvolvían. A materia de Bretaña xorde das tradicións dos celtas británicos, secularmente oprimidos polos reinos saxóns dende que estes chegaran á actual Inglaterra no s V. A temática sitúase nun pasado mítico, arredor do s IV, época heroica de loitas e derrotas na que cristaliza o mito do fabuloso Rei Artur e dos seus cabaleiros da táboa redonda, considerado primeiro un guerreiro que derrota repetidamente os invasores xermánicos e, máis tarde, o monarca celta máis poderoso da historia, unificador da illa e conquistador de todo un imperio. As tradicións dispersas referentes a este rei recibiron a súa primeira   formulación literaria coherente da man de Geoffrey de Monmouth, que en 1136 compuxo a Historia Regum Britanniae (Historia dos reis de Bretaña) que creou os principais temas e personaxes nas novelas (romans), protagonizados por Lancelot. A partir desta data, considerada como o fito fundacional da materia de Bretaña, as narracións sobre Artur comezan a espallarse por todo o Occidente medieval. Neste proceso de difusión foi de grande importancia o papel transmisor desenvolvido pola monarquía anglonormanda, que dominaba Inglaterra e o norte de Francia. Gracias a esta circunstancia, as novelas artúricas máis importantes dos ss XII e XIII, época de esplendor desta literatura, foron compostas en francés. O seu cultivador máis destacado durante o s XII foi Chrétien de Troyes, escritor francés que floreceu entre 1165 e 1191 e que marcou as pautas do xénero bretón. Parece que entre o 1150 e 1160 foi escrita unha novela sobre Tristán, aínda que logo se perdeu. As súas novelas escritas en verso están ateigadas de doncelas e cabaleiros de gran cortesía, así como de xigantes e fadas, envoltos todos eles nunha atmosfera de marabilla e misterio. Trala decadencia das novelas en verso, seguidoras do estilo marcado por Chrétien, chegou o desenvolvemento dos ciclos en prosa, vastos conxuntos de novelas que ofrecían unha panorámica total do reinado artúrico, dende o nacemento ata a morte de Artur. Parece que entre 1150 e 1160 foi escrita unha novela sobre Tristán que logo se perdeu, pero o máis importante destes ciclos en prosa foi o Lancelot-Graal, ao que se lle dá o nome de Vulgata artúrica, escrito entre 1215 e 1235. Está composto por cinco novelas enlazadas centradas no tema do Graal: Estoire du Graal (Historia do Santo Graal), Merlín, Lancelot du Lac (Lanzarote do Lago), La Queste du Saint Graal (A busca do Santo Graal) e La Morte li roi Artu (A morte do rei Arturo). Fronte a Tristán, o Lancelot-Graal chegou a ser unha grande alegoría cristiá. Ao lado daqueles dous grandes núcleos xurdiron outras narracións, como Percibal e outras novelas, a miúdo marabillosas. As citas ao tema foron constantes nos escritores dos ss XIV e XV. En Galicia o expoñente máis interesante da recepción desta materia constitúeo o Libro de Tristán, datado a comezos do s XIV, conservado de maneira fragmentaria e que é tradución dunha desas grandes obras francesas, o Tristan en prose, composto na segunda metade do s XIII. Non obstante , outros indicios demostran que o espallamento da materia bretoa foi moi anterior. Abonda con ter en conta as alusións que dende mediados do s XIII contén a lírica galego-portuguesa. A esta mesma escola poética pertencen os cinco Lais de Bretanha, composicións líricas breves que recrean episodios dos grandes ciclos franceses. O relevo da Porta Francíxena da catedral de Santiago de Compostela mesmo podería remontar a data de introdución ao s XII; nel aparece un guerreiro ferido nunha barca que talvez represente a Tristán camiño de Irlanda. A pervivencia da materia de Bretaña trascendeu os límites cronolóxicos da Idade Media e as historias sobre Artur seguen a ser recreadas na literatura de todo o mundo. Escritores como Ramón Cabanillas, Álvaro Cunqueiro, Méndez Ferrín ou Darío Xohán Cabana demostran a aclimatación da literatura artúrica en Galicia. Aínda que os enfoques e as interpretacións dos motivos bretóns varían duns autores a outros, a atracción que sobre eles exercen Artur e o seu mundo vén propiciada pola persistencia do mito celta e a familiaridade entre os diferentes pobos atlánticos de Europa.

Palabras veciñas

Brest-Litovsk, Paz de | Bretaña | Bretaña | Bretaña, materia de | brete | brétema | Brétema