bretón -na
(< lat britto, -ōnis‘bretón’)
-
adx
Relativo a Bretaña, aos seus habitantes ou á súa lingua.
Ex: Este cruceiro é un exemplo da arte bretona.
-
s
Natural ou habitante de Bretaña.
-
s
[ETN]
Individuo dun pobo de orixe celta que, de mediados do s V a finais do s VI, emigrou de Gran Bretaña a Armórica, rexión denominada posteriormente Bretaña. A área do grupo coincide coas fronteiras políticas, que datan do s IX, pero non coas lingüísticas, máis reducidas. As actividades económicas tradicionais eran a agricultura, a pesca, o comercio marítimo e a industria téxtil. A poboación rural estaba espallada en pequenas explotacións. O seu folclore é moi rico e aínda segue vivo.
-
s
f
[LING]
Lingua indoeuropea do grupo céltico da rama britónica, coñecida como brezhoneg en bretón. Pertence á familia britónica, xunto co córnico e co galés. Fálase na Baixa Bretaña, zona que ocupa o conxunto do departamento de Finistère e a parte occidental das Côtes d’Armor e de Morbihan. Era a lingua dos Britanni, que se asentaron na península armoricana despois de fuxir dos anglos e dos saxóns trala conquista das Illas Británicas. A partir do s XVI o Ducado de Bretaña anexionouse ao Reino de Francia, de tal xeito que se produciu un proceso de afrancesamento que se intensificou trala Revolución Francesa. A principios do s XX produciuse unha efervescencia cultural tanto coa produción de obras literarias coma co desenvolvemento e auxe de traducións ao bretón de clásicos universais. Malia que durante o s XX houbo un incremento de literatura en bretón, estase a producir un descenso no número de falantes. En canto á historia da lingua, cómpre dicir que antes do s XI se falaba o vello bretón, coñecido soamente por glosas; do s XI ao XVII, o bretón medio do que quedan algúns textos, case todos de carácter relixioso e en verso, como Mirouer de la Mort (1575) e, posteriormente, o bretón moderno, con catro dialectos diferentes, aínda que a partir do 1941 foi unificado ortograficamente.
-
arte bretona
[ARTE]
Arte desenvolvida polo pobo bretón. É esencialmente popular e relixiosa. Moitos dos monumentos antigos conmemoran as lendas populares e recordan os primeiros santos. As igrexas e os calvarios foron a miúdo construídos polo pobo. Cómpre destacar as igrexas e os anexos de Pleyben, Roscoff, Saint-Thégonnec, renacentistas, e de Saint-Gildas de Rhuis, románica. Os castelos non son moi grandiosos, pero amosan a habilidade técnica dos seus construtores, como se pode apreciar no castelo de Kerjen, Suscinio, etc. Algúns destes castelos foron prazas fortes; entre eles destacan o de Tonkedeg, Suscinio e Foujera. Os monumentos bretóns máis típicos consérvanse na Baixa Bretaña, xa que foi esta rexión a que recibiu menores achegas estranxeiras e a que conservou máis as tradicións. Os motivos decorativos da moblaxe, a ourivería, o vestido, etc, son numerosos e primitivos: o sol, as follas, as etapas da vida. Distínguense pola escaseza das superficies núas. As liñas curvas son só utilizadas na decoración, simbolizan o espírito celta, sempre inquedo e á busca, e que rexeita toda detención do pensamento. A pintura, agás a mural, executada nas igrexas, tivo poucos adeptos ata principios do s XX. Con posterioridade naceu unha nova escola de pintores e decoradores con artistas como Mathurin Meheut, Jeanne Malivel ou Langleiz.
-
ciclo bretón
[LIT]
Nome co que tamén se coñece a materia de Bretaña.
-
literatura bretona
[LIT]
As primeiras mostras literarias en lingua bretoa datan dos ss XV e XVI e son obras de piedade, misterios e, sobre todo, o Catholicon, dicionario bretón-francés-latino. Os misterios -vidas de santos- en verso, ofrecen rimas internas características da métrica bretona. Ata o s XIX apareceron unicamente obras de Lingüística, pero dende aquela iniciouse o renacemento literario, do que Ar Gonideg (1775-1838) foi o principal promotor. Entre outras obras destaca o Barzhaz-Breizh, colección de baladas históricas e de cantos populares, de T. Hersart ag Kervarker (1815-1895). A verdadeira renovación produciuse ao comezo do s XX, ligada aos movementos políticos que buscaron o recoñecemento da nación bretona. Así, os lexicógrafos Fañch Valle (1860-1949) e Emil Ernod (1851-1939) publicaron dicionarios, mentres que Meven Mordiern (1879-1949) publicou Istor ar bed (Historia do mundo) e Notennoú diwar benn ar Gelted Kozh (Notas sobre os antigos celtas). Comezou así un florecemento de autores que ían máis alá dos temas locais, como foi o caso de Roparz Hemon (1900), poeta, novelista, ensaísta, gramático e erudito que, ao redor da revista Gwalarn, agrupou a escritores e estudiosos, tarefa que sería continuada por outras revistas como Al Liamm, Preder ou Ar Bed Keltiek.
-
música bretona
[MÚS]
Arte musical desenvolvida no país bretón. A música tradicional bretoa posúe diversas e variadas formas musicais. Destacan os distintos tipos de baile: a gavotte, que se baila por parellas e que ten un ritmo moi parecido ao da muiñeira galega; a sabotière, que toma o nome dos sabots, tipo de calzóns que utilizan os danzantes no baile; a ridè, composta por grupos mixtos de bailadores que forman círculos; a derobèe, que forman oito parellas desenvolvendo seis figuras, precedidas cada unha delas por un desfile de dezaseis tempos, e o rond, baile no que homes e mulleres danzan collidos das mans e formando un círculo. Todos estes bailes son interpretados polo dúo tradicional bretón que se compón do biniou, ou gaita bretona, e a bombarde, unha especie de dulzaina. Adoitan ser ritmos rápidos cunha melodía bastante repetitiva. Polig Montjarret, estudoso do folclore bretón, pensou na posibilidade de unir máis cantidade de biniou e bombardas para crear unha banda, e así foi como naceron os bagadou ou bandas de gaitas bretonas, tamén coñecidas como kevrenn. Dentro da música vogal tradicional bretoa destaca o kan ha diskan, que é un tipo de canto no que dúas persoas cantan coplas alternativamente, servindo cada unha delas de contestación á anterior. Este tipo de canto ten moitos paralelismos coa regueifa galega. A riqueza de pezas cantadas do folclore bretón é moi grande e isto débese, en parte, ao labor de recompilación levado a cabo no s XIX polo folclorista T. Hersart ag Kervarker (Hersart de la Villemarqué), quen no 1839 publicou o Barzaz Breizh, conxunto de coplas, cancións e romances de tipo tradicional. Outra forma musical moi típica do folclore bretón é o da música sacra. Son composicións cun fondo tradicional, cantadas en lingua bretoa e acompañadas por un órgano e unha ou varias bombardas. Os compositores máis destacados neste eido son: Guy Ropartz (1864 - 1955), Paol Ladmirault (1877 - 1944), Paol Le Flem (1881 - 1984) e Jean Cras (1879 - 1932). Tamén teñen moita importancia na música bretoa as fest-noz ou festas de noite. Nestas festas a xente baila e canta ao ritmo das pezas que interpretan os sonneurs ou intérpretes de biniou e bombarda. As fest-noz presentan moitas semellanzas coas fías ou cos seráns galegos, nas que a xente se xuntaba despois do traballo no campo para cantar e bailar.
-
raza bretona
[GAN]
-
Raza de cabalos do tipo irlandés (concavilíneos e brevilíneos), que ten dúas variantes: o cabalo de tiro pesado, que está moi estendido, e o de tiro lixeiro.
-
Raza bovina do tipo irlandés, gran produtora de leite de alto contido en materia graxa. As reses son elipométricas, rectilíneas e medilíneas.
-
Raza porcina do tipo céltico, pouco precoz e pouco corpulenta. Foi cruzada coas razas normanda e craonesa.
-