Breuer, Marcel
Arquitecto, decorador e deseñador húngaro. Abandonou a escola de Belles Arts de Viena aos dezaoito anos e ingresou na Bauhaus de Weimar, onde chegou a ser profesor. A súa contribución á renovación do deseño do moble foi decisiva. No 1925 inventou o moble de tubo metálico adaptado á gran serie industrial, a cadeira Wassily. De todas as súas creacións, a máis orixinal é a cadeira cantilever (1928) en forma de S e recoñecida como a cadeira comercial máis empregada no mundo e síntese do deseño da Bauhaus. Apaixonado pola arquitectura, deixou a Bauhaus en 1928 e trasladouse a Berlín para estudar con profundidade esta arte. Co auxe do nazismo emigrou a Londres e aos EE UU, onde exerceu unha grande influencia na arquitectura e no urbanismo. Alí fundou un estudo de interiorismo adscrito aos principios racionalistas da nova arquitectura. Coa chegada definitiva do nazismo, marchou primeiramente a Londres, onde iniciou a construción dos seus edificios apoiados nun Y de cemento armado, e despois aos EE UU, onde foi invitado por Gropius para ser profesor en Harvard. En 1946 instalouse en Nova York. A súa obra máis famosa, o edificio da UNESCO en París (1953-1958), foi realizada con Pier Luigi Nervi e Bernard Zehrfuss. Entre as súas construcións salientan: a igrexa de Saint John’s Abbey (Collegsville, 1953-1961), o anfiteatro da universidade do Bronx (Nova York, 1957-1961), os almacéns Bijenkorf (Rotterdam, 1957) e o centro de busca da IBM, preto de Nice (1960-1962). No Civic Center of the Future e no Whitney Museum de Nova York demostrou que o seu racionalismo deu paso á arte e á imaxinación, acentuando as composicións racionalistas ata unha dinámica expresiva.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Pécs -
Deceso
Lugar : Nova York