breviario
(
-
s
m
Libro da liturxia da Igrexa Católica Romana, tamén coñecido como libro das horas, que contén os textos do oficio divino ou liturxia das horas. Delimita o contido e a extensión das oracións, conferíndolles unidade. As partes ou horas canónicas, despois da reforma do concilio Vaticano II, quedaron fixadas en: oficio de lectura (os antigos matíns), laudes, tercia, sexta, nona, vésperas e completas (suprimiuse a hora prima). O breviario, que experimentou na súa composición unha complexa evolución e sucesivas reformas, debe a súa existencia á vontade do establecemento dunha pregaria considerada oficial pola igrexa. A práctica da oración nas comunidades cristiás primitivas foi un dos seus sinais de identidade e cohesión, en cumprimento da ensinanza de Cristo. Pero así como a práctica da oración se establecera como obrigatoria nestas igrexas pioneiras, non aconteceu o mesmo coa forma en que esta se desenvolvía, de xeito que cada comunidade, baixo a presidencia do seu bispo, organizaba a pregaria, algunhas segundo fórmulas totalmente libres e outras seguindo unhas pautas que previamente eles mesmos acordaran. Foi nos cenobios monásticos primeiro (ss IV e V) e nos cabidos catedralicios despois (s V), onde se foi configurando e definindo o contido desta oración oficial ou oficio divino. Os textos e fórmulas que se empregaban para a celebración do oficio divino procedían de diversos libros: Biblia, Salterio, Himnario, Antifonario, Sermonario e Homiliario. O interese pontificio para que a práctica da oración oficial da igrexa fose adquirida por un maior número de fieis e a extensión da obrigatoriedade do rezo do oficio divino á totalidade do clero (nun principio só estaban suxeitos a esta obriga os membros do clero regular, é dicir os frades e freiras), creou a necesidade de compilar nun só libro manual aqueles textos necesarios para o rezo. No s XI apareceu por primeira vez nun só volume o material das outras, naturalmente abreviado, de aí o nome de breviario. No s XII apareceron dous breviarios de corazón, con anotacións, segundo o mesmo modelo. No ano 1216 o Papa Inocencio III aprobou unha compilación dos textos litúrxicos para o rezo. En 1223 a orde de San Francisco adoptou esta compilación. A difusión privada do oficio, emprendida, sobre todo, pola orde franciscana, que gozaba de gran prestixio e influencia polo seu labor nos ámbitos urbanos, favoreceu no s XIV a difusión do Breviarium Curiae Romanae. Os humanistas quixeron emendar algún erro deste breviario, sobre todo do seu latín defectuoso: Zaccaria Ferreri, bispo de Campobasso, animado polo Papa León X, emprendeu unha reforma; en 1525 presentou como primeiro froito do seu traballo un novo texto dos himnos, moi clásico e con reminiscencias mitolóxicas, que foi aprobado por Clemente VII. Ferrari non puido continuar o seu labor ao finar con anterioridade. En 1528, Clemente VII confiou ao cardeal Francisco de Quiñones (fillo do conde Luna e xeneral da orde franciscana) a preparación dun novo breviario máis simple, máis fiel á historia e no que se puidese apreciar unha volta á tradición patrística. O resultado dos traballos de Quiñones publicouse no ano 1535, sendo aprobado polo Papa Paulo III. Este breviario contiña unha organización totalmente nova do oficio divino: nunha semana rezábase todo o salterio e a lectura da Biblia obedecía a un novo esquema. En realidade, o breviario de Quiñones era unha revolución e foi obxecto dos ataques dos teólogos de París, Roma e da Península Ibérica, malia a boa acollida que tivera entre o clero; foi condenado polo concilio tridentino e suprimido polo Papa Paulo IV no 1558. A prohibición definitiva decretouna o Papa Pío V en 1568. En 1524 o cardeal Juan Pedro Caraffa obtivera do Papa Clemente VII permiso para facer unha reforma do breviario para o uso da orde de San Caetano (teatinos), que el mesmo fundara. Ao se converter en Papa (Paulo IV) intentou desenvolver o seu proxecto, pero a morte impediullo. A reforma do breviario atopábase entre as cuestións previstas no programa do concilio de Trento, pero non foi abordada ata o ano 1563. No ano 1568 o Papa Pío V promulgou a edición do novo breviario, obrigatorio para todas as igrexas, incluso para aquelas que había máis de douscentos anos que tiñan un breviario propio. Este breviario era radicalmente oposto ao de Quiñones e estendeuse rapidamente, agás por Francia e Alemaña, que sempre manifestaran unha actitude de independencia verbo das disposicións da curia romana. Adoptárono tamén a maior parte das ordes relixiosas, agás os bieitos, os dominicos, os carmelitas e os premostratesos. Contiña as pautas xerais do oficio: o calendario (con tendencia á redución de festividades de santos), o salterio (que conservaba a distribución romana e a versión galicana), o leccionario (que mantiña as leccións da Vulgata pero emendara as patrísticas e haxiográficas) e os oficios adicionais, como o da Nosa Señora ou o de defuntos. Aínda que o Papa estableceu que o seu breviario non podía ser modificado, nos ss XVII e XVIII o afán de conmemorar a morte dos santos e a creación por parte de papas posteriores de novas festas litúrxicas obrigou a elaborar unha nova revisión. Así houbo novas tentativas e pequenas modificacións por parte dos papas Clemente VIII, Urbano VIII, Clemente X e Bieito XIV. A mediados do s XIX en Francia e Alemaña houbo un intento de elaborar un breviario francés único, pero finalmente foi aceptado o de Pío V. A necesidade de eliminar as leccións haxiográficas non fundamentadas historicamente, a prohibición de trasladar as festas de gardar ou dos santos, a mellor distribución do salterio, a redución do oficio divino do domingo, entre outras, provocaron un novo intento de revisión no concilio Vaticano I. O Papa Pío X no ano 1911 promulgou unha nova reforma na que se establecía outra distribución do salterio durante a semana. No ano 1945 Pío XII incorporou unha nova versión do salterio do breviario, encomendada aos xesuítas do Instituto Bíblico de Roma, que substituíu ao da Vulgata. En 1960 o Papa Xoán XXIII estableceu novos criterios. Finalmente, o concilio Vaticano II deu unhas directrices para unha reforma a fondo do breviario, establecendo criterios de cara á obrigatoriedade do rezo e á posibilidade de facelo en lingua vernácula. Un primeiro froito destas normas conciliares foi a promulgación do novo calendario romano polo Papa Paulo VI, preludio da reforma definitiva promulgada no 1970. A primeira edición latina do novo libro da Liturxia das Horas apareceu en 1971-1972. A versión oficial en catro volumes aínda non se publicou en galego; si se editou, pola contra, o Diurnal (2000). Como principais características do novo oficio divino pódense citar a adaptación ás condicións actuais da vida dos sacerdotes, a posibilidade de ser empregado tamén polos leigos, a acomodación do rezo das horas ao tempo natural, a distribución dos salmos nun ciclo de catro semanas, a desaparición da hora prima e a conversión dos matíns nun oficio de lectura con gran variedade de textos bíblicos, patrísticos e de autores cristiáns antigos e modernos, a potenciación dos laudes como pregaria matinal e das vésperas como pregaria da tarde e, finalmente, a posibilidade de escoller unha soa hora (entre tercia, sexta e nona) para o rezo do mediodía. A edición latina introduciu unha versión dos salmos preparada pola comisión para a edición da nova Vulgata. Polo seu carácter de libro indispensable para a devoción privada dende a Baixa Idade Media e a Idade Moderna, os breviarios eran unha peza inevitable -e na maior parte das ocasións a única- de todas as bibliotecas domésticas da Europa católica.
-
s
m
Resumo no que se contén o esencial doutro texto moito máis amplo.
Ex: Este libro é un breviario da Eneida.
Sinónimos: compendio, epítome. -
s
m
Libro que se le moito ou se consulta constantemente.
Ex: Os camiños da vida de Otero Pedrayo era o seu breviario.
-
s
m
[GRÁF]
Carácter de letra ampla de nove puntos usada nos breviarios.