Brigadas Internacionais, as
Unidades militares integradas por voluntarios estranxeiros que loitaron a prol dos republicanos durante a Guerra Civil española (1936-1939). Os primeiros grupos formáronse en xullo do 1936 con participantes na Olimpiada Popular de Barcelona. A súa organización propúxose na reunión do Komintern do 26 de xullo de 1936, co propósito de integrar a todos os voluntarios de ideoloxía antifascista baixo a dirección comunista. Participaron combatentes de máis de 50 países de todo o mundo, cun total de 40.000 homes ao longo da guerra, organizados en 15 brigadas. Os principais continxentes foron franceses (10.000 voluntarios), italianos (2.500), belgas, iugoslavos, ingleses, canadenses e norteamericanos. Máis do 80% eran obreiros, en xeral mozos, aínda que tamén había veteranos da Primeira Guerra Mundial. Interviñeron eficazmente na defensa de Madrid (novembro do 1936) e nas batallas do Jarama, Brunete, Belchite, Teruel e, finalmente, no Ebro. O goberno republicano, cumprindo a resolución da Sociedade de Nacións do 1 de octubro de 1938, ordenou a retirada destas forzas voluntarias. O acto de despedida tivo lugar en Barcelona o día 15 de novembro de 1938. Unha terceira parte dos seus compoñentes morreron en combate. O Parlamento español concedeulles en 1996 a plena cidadanía española.