Brigantino, El
Publicouse por primeira vez na Coruña en 1863, e subtitulouse “Periódico literario, científico e industrial”. Algúns dos redactores foron Vicetto, Federico Alejos Pita ou Xosé María Montes. Saíu da imprenta de Castor Míguez diariamente para cobrar un interregno do Diario de la Coruña (1857), co que coincide o subtítulo, o impresor e os colaboradores, entre os que destacou Antonio de San Martín. No ano 1867 saíu Galicia y sus poetas, a primeira antoloxía de poesía galega aparecida como un folletín de El Brigantino. En 1868 Ricardo Pita imprimiu este periódico que se chamou Boletín de la revolución cando triunfou o levantamento de setembro. Volveu editarse no ano 1880 en Ferrol, para continuar coa súa segunda andaina. Ricardo Pita realizou todas as tarefas de dirección, impresión e redacción. Reapareceu para defender dos seus atacantes a fracción republicana radical que existía no concello. Con todo, o obxecto principal era a defensa dos intereses morais e materiais da localidade e das provincias irmás. Os atrancos lexislativos, como a lei sobre prensa do 29 de xuño de 1864, obrigárono a presentar as garantías esixidas aos periódicos políticos, polo que este xornal adquiriu maior importancia e liberdade de acción. Non se inclinou ante ningún grupo ata que a redacción inicial foi substituída por Rodríguez Pridall, Daniel Rodríguez Loño e Casal, escritores famosos polas súas opinións sobre a comuñón dos partidos monárquicos. Dende a perspectiva democrática foi un dos heraldos da revolución de setembro e de todos os órganos das agrupacións políticas ás que pertencía. Era o máis crítico da provincia polo que foi denunciado e perseguido constantemente.