Brighton
Brighton
Cidade do Condado de East Sussex, no SL Inglaterra, Reino Unido, preto do Canal da Mancha (156.124 h [1996]). Antigo porto pesqueiro que, co gallo da construción do ferrocarril que o uniu con Londres (1841), se converteu nun importante centro residencial estival para as familias da alta burguesía industrial e comercial. Esta tradición hostaleira soubo diversificarse e especializarse na organización de congresos e na atención da demanda de aprendizaxe da lingua inglesa. É tamén un centro de ensino superior, sede da Brighton Polytechnic, escola de enxeñería fundada en 1970.