Broglie, Louis-Victor de
Físico francés. Príncipe de Broglie e, á morte do seu irmán Maurice, duque de Broglie. Foi profesor de física teórica na Universidade de París (1928). Na súa tese doutoral La Théorie des Quanta (1924) propuxo unha solución aos problemas formulados polas hipóteses de Planck e de Einstein ao suxerir que, así como a luz parece ter unha dobre natureza porque se comporta unhas veces como onda e outras como corpúsculo (teoría corpuscular), podería suceder o mesmo coas partículas elementais en movemento; o desenvolvemento desta idea por parte de Heisenberg, Schrödinger e outros, así como tamén a experiencia de difracción dos electróns por medio dunha lámina cristalina, realizada en 1927 por Germer e Davisson, confirmaron a natureza ondulatoria do electrón e deron lugar ao nacemento da mecánica ondulatoria. No 1926 Schrödinger determinou a ecuación da onda asociada de De Broglie coñecida como ecuación de Schrödinger. Autor de traballos de divulgación científica, entre as súas obras cómpre destacar: Ondes et corpuscles (Ondas e corpúsculos, 1928), Matière et Lumière (Materia e luz, 1937), Physique et microphysique (Física e microfísica, 1947) e Savants et decouvertes (Sabios e descubrimentos, 1951). En 1929 acadou o Premio Nobel de Física polo descubrimento da natureza ondulatoria dos electróns. En 1933 foi elixido membro da Académie des Sciencies, en 1944 da Académie Française e en 1953 da Royal Society de Londres.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Dieppe, Normandía -
Deceso
Lugar : Louveciennes, París