bromo

bromo

(< gr βρῶμος ‘fedor’)

Nome científico: [Br]

Elemento non metálico da familia dos alóxenos, de número atómico 35 e peso atómico 79,904, que pertence ao grupo VII A da táboa periódica e ten números de oxidación -1, 0, +1, +3, +5 e +7. É un líquido vermello escuro que emite uns vapores, de cheiro semellante ao cloro, fortemente irritantes. Forma moléculas diatómicas (Br2), moi estables, que só se disocian apreciablemente por riba de 1.000°C. É relativamente pouco soluble en auga, aínda que a solubilidade varía moito en presenza de sales, sobre todo de bromuros, cos que forma ións complexos, como Br3- e Br5- . É moi soluble nalgúns disolventes orgánicos como o sulfuro de carbono, o tetracloruro de carbono, o cloroformo, o benceno e outros. A codia da Terra contén arredor do 0,00016% de bromo en forma de bromuros. O bromo está amplamente disperso por terras, rochas, augas, vexetais, e extráese das augas dos lagos ou mares interiores salgados ou das augas residuais do aproveitamento de depósitos salinos acumulados por desecación de grandes lagoas en períodos xeolóxicos afastados, onde os bromuros están mesturados con cloruros. Técnicas modernas posibilitaron a obtención de bromo de forma económica a partir da auga de mar, que contén arredor do 0,07%. É un elemento de electronegatividade elevada, cun potencial normal Br2 → 2Br- de +1,066 eV, fronte ao electrodo de hidróxeno, e os seus compostos máis estables son os de número de oxidación -1 (bromuros). Para formar bromuros, o bromo elemental reacciona xa en frío con case todos os metais (excepto o platino e o tántalo), a miúdo con moita violencia, especialmente cando a presenza de humidade impide ao metal protexerse cunha capa continua de bromuro. Reacciona directamente co hidróxeno, con formación de bromuro de hidróxeno, composto covalente en estado gasoso ou en solventes apolares, pero que se ioniza profundamente con auga. Tamén reacciona directamente con algúns non metais como o xofre, o selenio, o telurio, o fósforo e o arsénico, e indirectamente co osíxeno. O bromo actúa co número de valencia +1 nos compostos que forma co fluor e cloro e elementos máis electronegativos. O ión positivo Br+ xorde a miúdo por dismutación da molécula Br2 en ións Br- e Br+. Completando a hidrólise de Br2 en medio básico, chégase á formación de hipobromito, BrO- e bromuro, Br-. O ácido hipobromoso, HBrO, é un ácido feble (pK=8,75), non moi estable, que cede o seu osíxeno cun potencial normal de redución de +1,59 eV e que pode evolucionar por oxidación ata ácido brómico, HBrO3, segundo a reacción


FORMULA


3HBrO + 3H2O → BrO3-   + 2Br-+ 3H2O+.
O ácido brómico é un ácido forte (pK=0,7) de potencial de oxidación-redución +1,52 eV, só estable en solución. Contrariamente, os seus sales, os bromatos, son bastante estables en estado sólido. Polo que respecta ás aplicacións, o bromo comercial, dunha pureza do 99,5% ou maior, emprégase para a obtención de compostos minerais e orgánicos do bromo. Nos EE UU, principal produtor de bromo, destínase un 80% á fabricación de bromuro de etilo, para corrixir a toxicidade dos gases de combustión das gasolinas etiladas. O poder oxidante do bromo aprovéitase para branqueo de tecidos e a desinfección de augas.