Bronštein, Lev Davidovič
Político soviético, coñecido polo nome ruso de Lev Trockij. Membro dunha familia de xudeus rusos, estudiou en Odessa e Mykolayiv. Iniciou as súas actividades políticas en 1896 ao entrar en contacto co populismo e en 1897 fundou a Unión de Obreiros Rusos en Mykolayiv e o xornal Nashe dielo. Detido en 1898 por mor desta actividade, foi deportado a Siberia. Conseguiu fuxir da prisión de Ust’-Kut en 1902 con pasaporte falso, empregando o nome dun carcereiro de Odessa que o custodiara, Trockij. Logo, instalouse en Londres onde entrou en contacto co Partido Obreiro Socialdemócrata Ruso e coñeceu a Lenin e Plekhanov. Durante o seu primeiro exilio participou nos congresos do partido, celebrados en 1902 en Bruxelas e en 1903 en Londres, defendendo as teses menxeviques. De regreso a Rusia, participou na revolución de 1905 e chegou mesmo a presidir o soviet de San Petersburgo, polo que foi novamente detido en 1906 e deportado a Siberia un ano despois, de onde volvería escapar. No seu segundo exilio estivo en Austria, Suíza, Francia, de onde foi expulsado, e nos EE UU. Aínda que propugnou a unión de bolxeviques e menxeviques, rompeu con estes en 1915, ano no que colaborou co xornal Nashe slono. A revolución de febreiro de 1917 sorprendeuno en Nova York; de regreso a Rusia ingresou no partido bolxevique, do que foi elixido membro do comité central e, en setembro, presidente do soviet de Petrogrado. Ese mesmo ano colaborou no xornal Nóvaya zhizn, fundou Vperiod e dirixiu o comité militar revolucionario bolxevique que dirixiu a Revolución de Outubro. Tralo triunfo desta o 7 de novembro de 1917, foi nomeado comisario de Relacións Exteriores. Debido á súa discordancia coas ideas de Lenin sobre a paz con Alemaña dimitiu do seu cargo trala sinatura da Paz de Brest-Litovsk (1918). Foi comisario de Guerra e organizou o Exército Vermello que logrou a vitoria na Guerra Civil. En 1921 reprimiu a revolta de Kronstadt. Trala morte de Lenin, enfrontouse con Stalin e cos membros do partido, o que motivou que en 1925 fose destituído do seu cargo de comisario de Guerra e, en 1926, expulsado do Politburó. Acusado de non apoiar a internacionalización do leninismo, foi deportado en 1928 ao Turkestán e expulsado da URSS en 1929. Logo de residir en Prinkipo, entre 1933 e 1935 viviu en Francia, en 1935 e 1936 en Noruega, e a partir de 1936 instalouse en México, invitado polo xeneral Lorenzo Cárdenas. En 1938 fundou a IV Internacional. Foi asasinado polo español Ramón Mercader, por orde do axente soviético Kótov. Escribiu diversas obras como Balance e perspectivas: as fins motrices da revolución (1906), Capitalismo e socialismo (1926), A miña vida (1930), Historia da revolución rusa (1931-1932) e A revolución traicionada (1937).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Janovka, Ucraína -
Deceso
Lugar : Coyoacán, México