Broz, Josip
Político iugoslavo, coñecido polo alcume de Tito. En 1910 ingresou no Partido Socialdemócrata de Croacia. Participou na Primeira Guerra Mundial formando parte do exército do Imperio Austrohúngaro e foi feito prisioneiro polos rusos en 1915. Liberado trala revolución de 1917, uniuse aos bolxeviques e tomou parte na Guerra Civil rusa co Exército Vermello. Regresou a Croacia en 1920 e participou na fundación do Partido Comunista. Foi detido en 1928 e estivo no cárcere ata 1934. Foi un dos dirixentes das Brigadas Internacionais que participaron na Guerra Civil española. En 1937 reorganizou o Partido Comunista Iugoslavo e foi nomeado polo Komitern secretario nacional en 1939. Organizou en 1941 o movemento partisano de resistencia á ocupación nazi e creou a Fronte Antifascista de Liberación Nacional. En 1943 formou un goberno provisional de partisanos. Enfrontado aos chetniks, a resistencia serbia recibiu apoio aliado en 1944. En 1945, ao finalizar a Segunda Guerra Mundial, gañou as eleccións e proclamou a República Federal de Iugoslavia, da que foi xefe do goberno, mariscal e ministro de Defensa. Quixo manter unha política independente das directrices de Moscova, e en 1948, o Partido Comunista de Iugoslavia foi expulsado do Komitern. Recibiu axuda occidental do Plan Marshall para reconstruír o país. Tras proclamarse a Constitución de 1953 foi elixido presidente da República, cargo que renovou ata que en 1973 foi nomeado presidente vitalicio. En 1974 realizou reformas políticas que estableceron unha presidencia colexiada do país trala súa morte. A pesar da reconciliación coa URSS en 1955, non apoiou as intervencións soviéticas en Hungría (1956), Checoslovaquia (1968) e Afganistán (1979). Foi un dos líderes do Movemento dos Países non Aliñados dende a súa fundación en 1961.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Kumrovec, Croacia -
Deceso
Lugar : Ljubljana, Eslovenia