Bruxas
Cidade de Flandres, capital da provincia de Flandres Occidental, Bélxica (115.500 h [1997]). Está unida ao mar do Norte por diversos canais, como o Brugge Zeekanal. Centro industrial, turístico e comercial, o seu porto esténdese ata Zeebrugge. Constitúe unha encrucillada de estradas e de ferrocarril. O seu nome procede das numerosas pontes (brug, en flamengo) que atravesan os seus canais. Desde 1950 desenvolve as súas actividades na cidade o Collège d’Europe, centro internacional de estudios europeos. Bruxas xurdiu dun burgo, no s IX, situado no desaparecido golfo de Zwing, protexido no s X por un castelo do conde de Flandres. No s XI converteuse nun centro comercial de certa importancia, e a mediados do s XII iniciouse a promoción que a converteu nun dos grandes centros de produción e exportación da industria do pano flamengo. No s XIII era xa o primeiro centro financeiro permanente de Europa occidental. O conde de Flandres concedeulle feira (1200), que perdurou ata o s XVIII. O movemento comercial promovido polos mercadores e mariñeiros dos países nórdicos e atlánticos incrementouse e adquiriu un novo carácter coa aparición, no mar do Norte, dos xenoveses en 1277. O s XIV supuxo o apoxeo político e económico de Bruxas. A partir de 1324 dirixiu a revolta da Flandres marítima contra os terratenentes, extinguida na Batalla de Cassel (1328). Contribuíu ao incremento económico o feito de ser etapa dos produtos ingleses e de todas as mercadorías que pasaban polo Zwing, e ser o centro principal do tráfico da Hansa. Foi un gran mercado internacional, onde predominou o intercambio de produtos valiosos; paralelamente progresou como centro de transaccións financeiras. O número de mercadores estranxeiros establecidos na cidade aumentou e comezou a construción de lonxas e a creación de consulados estranxeiros. Durante o s XV produciuse a decadencia de Bruxas, non obstante os progresos do capitalismo e a maior difusión da letra de cambio concedéronlle ao seu mercado financeiro unha importancia que non pasou ao s XVI. A finais do s XV era unha praza de segunda clase, onde só tiña importancia o mercado de la castelá. Os mercadores estranxeiros e os seus consulados abandonaron a cidade entre 1498 e 1586, soamente o castelán permaneceu ata 1705. O gran florecemento artístico da cidade na época gótica pode verse aínda na actualidade en edificios como a catedral, a igrexa de Nosa Señora (ss XIII-XIV), a capela do Santo Sangue (ss XII-XVI), as lonxas gremiais na praza maior (ss XIII-XIV), entre as que destaca a torre de vixilancia e o concello (ss XIII-XIV), e diversas casas señoriais do s XVI onde se combina o gótico co renacemento. Os museos da cidade recollen as pinturas da última etapa do Gótico, entre eles destacan o do hospital de San Xoán con obras de Memling, e o da Academia con obras de Van Eick, Van der Paele ou o Bosco.